Unha gala virtual conmemora o Día da Síndrome de Down que reclama "desenvolver as potencialidades"

Feijoo destaca o "esforzo diario" das persoas con síndrome de Down e as súas familias cando toda Galicia "necesita referentes de superación"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2021 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

Diversas campañas e unha gala virtual foron as opcións escollidas pola Federación Down Galicia para conmemorar este domingo 21 de marzo, un Día Mundial da Síndrome de Down marcado pola pandemia da covid-19.

O acto, iniciado ás 11,30 horas e emitido través das redes sociais, mesturou unha parte lúdica e outra institucional, pero sempre co foco posto na súa principal reivindicación: "Merecemos as mesmas oportunidades que o resto da sociedade e que nos deixen desenvolver as nosas capacidades. Queremos vivir nunha sociedade que respecte a diversidade e que inclúa a todas e todos, sen excepción".

A gala, tal e como informa Down Galicia, contou con dous mozos con trisomía 21 como condutores. Irene Rodríguez-Toubes e David Aldrey encargáronse de dar paso ás distintas persoas convidadas, entre elas o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e actuacións musicais a cargo da Orquestra Cinema e o trupo Tanxugueiras.

A benvida do acto correu a cargo do presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, quen explicou que o Día Mundial da Síndrome de Down "é un día de celebración, pero tamén de reivindicación daqueles dereitos que, por un motivo ou outro, ven vulnerados".

FEIJÓO DESTACA A SÚA "ENORME FORZA DE VONTADE"

Pola súa banda, o presidente da Xunta interveu a través dun vídeo no que lembrou que o mundo pasa por "un dos momentos máis incertos da súa historia recente", como é a pandemia do coronavirus. Por iso, Feijóo ve "fundamental sentir a ilusión e a enorme forza de vontade das persoas con síndrome de Down e as súas familias".

"O voso esforzo diario convértese nun exemplo a seguir para toda Galicia nun momento en que necesitamos referentes de superación", dixo o mandatario autonómico. "Especialmente este ano, temos unha oportunidade para seguir rompendo os prexuízos e conseguir unha Galicia máis integradora, máis plural e unha sociedade mellor",engadiu.

PREMIOS DOWN GALICIA

Igual que en anos anteriores, a Federación Down Galicia aproveitou a conmemoración do 21 de marzo para entregar os Premios Down Galicia, co obxectivo de recoñecer o labor a favor da igualdade e a autonomía das persoas con trisomía 21.

Neste ano tan singular, só se concedeu un galardón extraordinario. Recaeu en todas as familias, profesionais e persoas usuarias do movemento Down en Galicia, pola súa "gran capacidade de adaptación e polo esforzo mostrado durante a crise sanitaria", o que permitiu evitar "un prexuízo maior" que o propio confinamento, destaca a Federación.

Gala virtual celebrada pola Federación Down Galicia con motivo do Díaz Mundial da Síndrome de Down.. DOWN GALICIA
Gala virtual celebrada pola Federación Down Galicia con motivo do Díaz Mundial da Síndrome de Down.. DOWN GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta