Somos unha potencia

Galicia conta con tres dos quince equipos da Primeira División do fútbol sala, que hoxe principia co derbi Santiago Futsal-Azkar Lugo no Fontes do Sar. O Burela xoga o sábado en Peñíscola.

Por gcdeportes | Compostela | 13/09/2013 | Actualizada ás 05:22

Comparte esta noticia

Dos quince equipos na LNFS, tres son galegos. Os que máis, por diante de Cataluña (Barcelona, Santa Coloma) e Navarra (Pamplona e Tudela). Santiago Futsal, Azkar Lugo e Burela son os tres representantes de Galicia na máxima competición do fútbol sala que principia hoxe con derbi galego. O Santiago Futsal recibe o Azkar Lugo ás 21.00 horas no Multiusos Fontes do Sar, coas cámaras da debutante Energy TV.

Se ben as estatísticas favorecen aos locais, na pretempada Santiago Futsal e Azkar Lugo xogaron un tempo na Estrada cun apretado 1-0 para os de Santi Valladares. Este non poderá contar con Hamza nin con Mario Costa para o debut. Tampouco coas últimas incorporacións: Hugo Sánchez (primeiro xogador en militar no Azkar, Burela e Santiago) nin coa fichaxe estrela, o porteiro internacional Juanjo. A convocatoria compostelá é: David, Barroso, Palomeque, Lucho, Eloy Rojas, Pablo Tallón, Chus, Santi, David Pazos, Diego Quintela e os metas Raúl e Alberto.

O adestrador Santi Valladares apunta sobre o plantel: “A base tiñámola xa con xogadores que levan con nós moitos anos e coñecen perfectamente o club. Somos un equipo máis novo, con menos experiencia. Coas fichaxes de Palomeque e Hugo, de moitísima calidade, e coa chegada de Juanjo, confeccionamos un plantel para competir. Recuperar axiña a Hamza, e cando volva Mario, xa estaremos todos e a por todas”.

O Azkar Lugo xogará por 13º ano consecutivo na máxima categoría e será por primeira vez en toda a súa historia que debutará na Liga cun derbi. Os dous conxuntos coñécense ben, polo que haberá poucas sorpresas e decidirán os pequenos detalles. O adestrador Diego Ríos viaxará con todo o plantel á capital de Galicia e antes do choque realizara os descartes. Os lugueses viaxan coas fichaxes deste ano: o meta Mendiola e o ala-pivote Chano. Cuco e Diego Núñez seguen sendo dúbida para o choque, que presenciará o seleccionador Venancio López. “O equipo non chega á altura que eu quero, pero evidentemente estamos preparados para gañar en Santiago”, avisa o adestrador Diego Ríos.

Peñíscola - Burela: despois de seis semanas de adestramentos, o equipo laranxa debutará o sábado ás 18.00 horas na pista do debutante Peñíscola FS. O equipo de Juanlu conserva a filosofía do cadro da anterior campaña _Juanma, Edu, Christian, Iago Míguez, Matamoros, Mimi e Isi_ ao que se incorporan a revelación de David Burrito e Antoñito, do Caja Segovia, e Hugo e Álex, do Santiago Futsal. Navarra será o rival dos laranxas para a estrea en Vista Alegre na 2ª xornada, o venres 20 ás 22.30 horas coa emisión en directo de Energy.

1ª XORNADA

Peñíscola - Burela Pescados Rubén
García Marfil Santa Coloma - El Pozo Murcia
Santiago Futsal - Azkar Lugo
Inter Movistar - Manacor
Jaén Paraíso Interior - Agrupación Deportiva Sala 10
Galdar Cohesan - Barcelona
Xota - Jumilla/Central Quesera Montesinos
Descansa: Navarra Ríos Renovables

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta