Piden paralizar a actividade dunha tenda de Zara por "incumprir a Lei de Riscos"

O establecemento, situado na Coruña, segue vendendo malia estar en obras; segundo a CIG.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2021 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Nova denuncia da Confederación Intersindical Galega cunha tenda do emporio de Amancio Ortega implicada. O derradeiro toque de atención da CIG a Inditex vén dirixido ao caso concreto dunha tenda de Zara, situada na cidade da Coruña, na que o sindicato pide paralizar a actividade por un presunto incumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

Baixa a persiana o primeiro Zara que abriu en Madrid. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo
Baixa a persiana o primeiro Zara que abriu en Madrid. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo

A cuestión do establecemento, situado na coruñesa rúa Compostela, ten que ver coas obras de reforma que se están a levar no interior da tenda e que, de acordo co sindicato, provocan “niveis de ruído, po e outros inconvenientes que fan insoportable o desenvolvemento normal da actividade”. O problema é que, de acordo coa CIG, a tenda seguiría vendendo.

Por esta razón, o sindicato anuncia que vén de presentar unha demanda ante Inspección de Traballo --“por segunda vez”-- para pedir a “paralización da actividade” mentres duren estas obras, que están a ser realizadas para desenvolver unha reforma “integral” do establecemento, de acordo coa formación sindical. As obras, apuntan as mesmas fontes, comezaron o pasado 1 de febreiro baixo a premisa de que se trataba dunha intervención menor, que finalmente non resultou así.

"PRIMAR AS VENDAS"

“Supón un risco tanto para as traballadoras e traballadores da tenda como para as clientas”, denuncian dende a confederación. “O persoal ten que traballar a diario con operarios cruzando continuamente polo medio da tenda, cos uniformes manchados, con todo cheo de po, con maquinaria na man, con cheiro a pintura ou co ruído insorportable da radial”. 

“Clama ao ceo que para Inditex prime as vendas e manteña a tenda aberta para poñela bonita fronte á seguridade, a saúde e a integridade do seu persoal”, apunta a presidenta do comité. Por iso, demanda unha “rápida actuación” da Inspección para que se adopten medidas inmediatas e “se dea cumprimento á lei de prevención de riscos laborais”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta