A 'bandeira verde', novo distintivo para recoñecer aos concellos que protexan a paisaxe e o medio ambiente

O director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, lembrou que a distinción "constituirá un mérito a efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/03/2021 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocou, por segundo ano consecutivo, a concesión do distintivo 'Bandeira Verde de Galicia', co que premiará aos concellos que apliquen boas prácticas na conservación e protección da paisaxe e o patrimonio natural.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a orde pola que se convocan as bases da concesión para o ano 2021 co obxectivo de "premiar a aqueles municipios que destaquen polo seu esforzo e implicación na protección dos elementos máis representativos da cultura galega". O director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, lembrou que a distinción "constituirá un mérito a efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural".

A esta convocatoria poderán optar os concellos galegos que desenvolvesen actividades relacionadas coa ordenación territorial, a protección do medio ambiente, o cambio climático, a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos e accións de sensibilización e comunicación "para concienciar aos veciños da importancia de actuar e avanzar" nos aspectos mencionados.

"CORREA DE TRANSMISIÓN"

"Esta distinción pretende ser unha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía no coidado e na protección da contorna natural e paisaxística, mostrando o seu compromiso no coidado dos elementos máis representativos", indicou a consellería nun comunicado.

Os concellos interesados en solicitar a concesión deste distintivo, que actualmente só posúen os municipios de Porto do Son e Moaña, poderán presentar as súas candidaturas, electronicamente, entre o 27 de marzo e o 30 de xuño.

Director do IET coa bandeira verde.. CONCHI PAZ
Director do IET coa bandeira verde.. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta