Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2021 | Actualizada ás 11:51
As vendas do sector servizos esborralláronse un 18,1% en xaneiro en Galicia con respecto ao mesmo mes de 2020, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Esta caída é a terceira máis acusada entre comunidades, só por detrás de Baleares (-34,9%) e Canarias (-35,1%). O descenso galego do 18,1% é peor que o da media española (-16,5%) nun mes de retrocesos xeneralizados.
Deste xeito, a facturación do sector servizos galego encadea así 11 meses de diminución interanual. O último dato positivo rexistrouse en febreiro de 2020. No tocante ao emprego, hai un descenso do 3,4% en Galicia. Neste caso, é dos inferiores entre as comunidades. A media española de retroceso sitúase no 4,6%.
DATOS ESTATAIS
O sector servizos rexistrou un descenso da súa facturación do 16,5% o pasado mes de xaneiro respecto ao mesmo mes de 2020, ampliando en case 8 puntos a caída que experimentou en decembro (-8,7%).
Co descenso de xaneiro, os servizos encadean 11 meses consecutivos de retrocesos interanuais como consecuencia da pandemia e os seus efectos sobre a economía. Os sectores máis afectados por esta crise continúan sendo os relacionados co turismo e a hostalaría. Así, as maiores caídas interanuais da facturación prodúcense nas actividades de axencias de viaxe e operadores turísticos (-85,3%), servizos de aloxamento (-80,7%) e transporte aéreo (-70,5%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.