A Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía de Santiago xa opera con cita previa por Internet

A web, ademais de reservar quenda, permite descargar os modelos que hai que cumprimentar para realizar xestións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2021 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía de Santiago de Compostela comezou este venres, 26 de marzo, a operar con cita previa a través de Internet, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O obxectivo da implantación deste novo sistema é, por unha banda, facilitar os trámites aos usuarios e, por outro, evitar a coincidencia de varias persoas nas instalacións, así como os desprazamentos innecesarios.

Desde este venres, na súa páxina web pódese reservar quenda para consultas xerais ou para solicitar xustiza gratuíta para procedementos de fóra do partido xudicial de Santiago. As tramitacións de xustiza gratuíta de Santiago deben realizarse a través do colexio de avogados da cidade, pois é a entidade encargada da súa xestión.

Unha persoa cun ordenador
Unha persoa cun ordenador

A web, ademais de reservar quenda, permite descargar os modelos que hai que cumprimentar para realizar xestións relacionadas con procedementos monitorios, conciliacións, xuízos verbais ou xurisdición voluntaria. Todos estes formularios deben entregarse debidamente cubertos, sen cita previa, no Decanato dos Xulgados, situado na primeira planta do edificio da rúa Viena.

As persoas que, en lugar de descargar os modelos normalizados de Internet prefiran recollelos na Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía, deben reservar vez na web. As citas para este trámite, do mesmo xeito que para consultas xerais, concédense de luns a venres, cada quince minutos, entre as 9:30 e as 13:15 horas.

Os certificados sobre antecedentes penais ou sexuais pódense obter a través da páxina web do Ministerio de Xustiza, a condición de que se dispoña de certificado dixital ou clave PIN. Pola contra, a persoa interesada pode reservar quenda para recollelos na Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía de Santiago.

As solicitudes de informes sobre procedementos abertos poden pedirse a través do correo electrónico da oficina (cidadan.vitimas.santiago@xustiza.gal), achegando a imaxe do DNI. 
Ademais, a oficina pon a disposición dos usuarios/as o teléfono 981 540 358 para consultar dúbidas sobre cancelacións de antecedentes penais ou últimas vontades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta