Máis mulleres que homes pero con peores contratos no sector da xestión cultural

Un estudo insta a reforzar a formación permanente, a especialización e a articulación de redes en xestión cultural.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/03/2021 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

Un estudo elaborado por expertos das tres universidades galegas analizou a situación e as necesidades do sector da xestión cultural. O informe constatou a necesidade de implementar melloras formativas, fomentar a actualización permanente dos profesionais, a especialización e a creación de redes que permitan intercambiar experiencias e coñecer exemplos de boas prácticas.

Presentación do informe
Presentación do informe | Fonte: Xunta de Galicia.

O resultado do informe foi presentado este venres polos diferentes docentes e investigadores a cargo do proxecto e coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O estudo, realizado a través de entrevistas, enquisas e a análise da oferta formativa en Galicia e o Estado, busca ofrecer unha imaxe das condicións actuais destes profesionais e das necesidades e carencias que presenta o sector.

Unha das claves trasladadas é a alta feminización en materia de xestión cultural. O perfil que debuxa o estudo é o dunha muller de estudos universitarios, que traballa a tempo completo nunha concellaría ou área de cultura dun concello e cun mínimo de 20 anos de experiencia.

Esta maioría, sobre un 67 por cento dos entrevistados, acompáñase dunha "evidente fenda de xénero", pois os contratos de maior inestabilidade e temporalidade están exercidos maioritariamente por mulleres, mentres que os homes acaparan a maior parte de cargos de responsabildade.

Unha porcentaxe "importante" de profesionais non dispón de contrato fixo, en concreto un 39 por cento, aínda que o 60 por cento supera os 15 anos de experiencia e a inmensa maioría canta con estudos de nivel universitario.

En todo caso, engaden os especialistas, non hai unha concordancia entre o nivel de estudos, a formación esixida e as funcións detalladas no contrato coas que despois se realizan na práctica.

Do mesmo xeito, só un 52 por cento do colectivo posúe formación especializada complementaria. Entre as razóns para non participar nesas accións de actualización, os profesionais alegan sobrecarga de traballo, problemas de conciliación ou falta de dispoñibilidade ou de proximidade desa oferta académica.

Unha "parte substancial" dos participantes no estudo denuncia que o salario non está acorde coa a realidade do traballo que desempeñan e o seu nivel académico. O 66 por cento traslada que cobra menos de 20.000 euros ao ano, aínda que mostra unha satisfacción "como mínimo moderada" no desempeño das súas funcións.

En materia formativa, o informe indica que non existe un máster específico para formar técnicos culturais nos concellos ou polo menos non hai unha formación suficientemente interdisciplinar para afrontar a heteroxeneidade do seu traballo. Actualmente en Galicia hai nove másteres coa xestión cultural e ACS como saídas profesionais.

O estudo recomenda o impulso a unha proposta de dous anos de formación que, finalizado o primeiro, permita ter acceso a un título de especialización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta