Traballadores da residencia DomusVI Laraxe denuncian "persecución" da dirección

Protagonizaron unha concentración ás portas deste centro sociosanitario.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/03/2021 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

Un trintena de persoas, entre delegados, traballadores e representantes sindicais, concentráronse na mañá deste venres, 26 de marzo, ante a entrada da residencia de maiores DomusVi Laraxe, situada en Cabanas, para denunciar "a persecución que están a sufrir por parte da dirección as integrantes do comité de empresa" e "os traballadores que os apoiaron tras denunciar no seu día a falta de equipos de protección individual (EPI).

Así o detallou Beatriz Fernández González, responsable do sector de residencias privadas de CIG Ferrol, sindicato convocante desta acción de protesta.

Protesta na DomusVI Laraxe.
Protesta na DomusVI Laraxe. | Fonte: Europa Press

"Por mor desa denuncia, as delegadas do comité e os traballadores que as apoian están a sufrir un acoso silencioso", dixo a representante, que acusou a dirección de ningunealas" e de promover reunións "infrutuosas". "Coma se te sentases ante unha parede, sen ningún tipo de respostas", critican.

Durante a concentración, Beatriz Fernández detallou que "houbo dous intentos de reunión para abordar a situación de prevención de riscos laborais", aínda que nelas "impediuse a presenza da asesora da CIG, co cal a delegada destes temas, que é recentemente chegada, tras constituírse este comité hai un ano, non se atrevía a ir soa".

É por iso que desde a parte social instouse á dirección a que "facilitase unha plataforma para poder participar desde o sindicato". "Vemos correcto que non se permita o acceso de ninguén externo ao centro, por motivos de seguridade, pero a resposta da dirección foi que non dispón de plataforma nin sabe crear ningunha e non ten ningún método para poder reunirse", engaden.

A CIG xa adiantou que están dispostos a realizar "as concentracións que sexan necesarias ata lograr que senten en serio e con ganas de solucionar a situación, de dar unha serie de explicacións e de asumir a súa responsabilidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta