Feijóo descarta abrir Galicia en datas próximas e remite ao vindeiro comité clínico sobre novos cambios

Prevese un axuste dos concellos que entran ou saen nos distintos niveis de restricións, pero "non vai haber decisións de ampliación de toque de queda" di o xefe do Executivo galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2021 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu ao comité clínico da semana que vén para realizar unha valoración global da situación de Galicia e medir o impacto dos festivos da Semana Santa na incidencia epidemiolóxica por covid-19. Deste xeito, o comité clínico deste martes servirá para iniciar un estudo da situación e axustar as listaxes dos concellos, pero haberá que esperar ao ciclo da enfermidade, é dicir, pasados un dez días, para comprobar a situación.

Así o expresou nunha visita a Paderne de Allariz no que indicou que os datos acreditan que Galicia está nun "momento de estabilidade" na incidencia a 14 días, "incluso baixando", e nun momento tamén de "estabilidade" na situación a sete días, o que é un indicador adiantado para saber o que pode ocorrer a semana que vén.

Con todo, aínda non se coñecen os efectos da mobilidade dos últimos catro días e da maior interacción social, polo que Feijóo explicou que ata finais ou principios da semana que vén haberá que esperar para coñecer a fotografía que deixan os festivos en Galicia.

O presidente autonómico avanzou, iso si, que ata o martes da semana que vén "non hai ningunha decisión importante" encima da mesa. Desta maneira, prevese un axuste dos concellos que entran ou saen nos distintos niveis de restricións, pero "non vai haber decisións de ampliación de toque de queda", como xusto este luns defendeu o PSdeG no caso de que o permitan os datos epidemiolóxicos, ou da hostalaría.

TAMPOUCO O PECHE PERIMETRAL

"A partir do 13 de abril, empezaremos a avaliar se é posible algunha mellora, tanto do toque de queda, como de horario da hostalaría, pero iso non depende máis dos datos que vaiamos acumulando esta semana, como de balance definitivo das interaccións de Semana Santa", expuxo.

Tamén sobre a apertura de Galicia, e tras indicar que o calendario galego "non é político" senón clínico con respecto á pandemia, sinalou que ata a semana que vén tampouco está previsto que a Xunta tome decisións de calado, o cal inclúe o peche perimetral da comunidade tamén --que concluiría o 9 de abril--.

"Ata o 12 ou 13 de abril non imos tomar decisións respecto diso, entendemos que non temos todos os datos de Semana Santa computados", aseverou Feijóo, quen manifestou que descoñece a que obedece o feito de que o Goberno decidise a obrigatoriedade, como mínimo, do peche perimetral ata o 9 de abril para todas as comunidades, a pesar de que ata que pasan un oito ou dez días non hai un "balance completo, sólido e fino do impacto sanitario".

"ESTA SEMANA NON HAI CAMBIOS"

"Esta semana non hai cambios e a semana que vén, o comité clínico e o conselleiro e o Sergas, co mesmo criterio de prudencia, valorarán e farán público calquera cambio", sinalou Feijóo, quen dixo que "poden ser cambios para abrir ou para axustar zonas se os datos dalgunhas zonas  son malos ou hai algunha tensión nalgunha zona á alza".

O presidente autonómico insistiu en que a media de Galicia "de momento é estable", a "segunda ou terceira mellor de España", do mesmo xeito que en ocupación UCI está "entre as mellores posicións de España". "Estamos nunha situación de estabilidade", dixo Feijóo, en "moderado optimismo".

Na súa exposición, Feijóo constatou que ata este domingo, os datos dispoñibles eran de "estabilidade", pero que hai que esperar para saber se Galicia rexistra "algún repunte ou incidencia e se pode estar ante unha cuarta onda". "Imos seguir tomando decisións en función dos datos e incidencias acumuladas", apuntou Feijóo, que aínda que os datos son "optimistas" cunha situación "similar" á que había antes de iniciar este período vacacional, hai que estudar aínda as consecuencias da mobilidade dos últimos días.

"E por conseguinte, imos ver se somos capaces de que Galicia se libre dunha cuarta onda como parece ser que están inmersos algúns territorios nacionais e algúns países da UE", sentenciou Feijóo. Tamén se pronunciou respecto diso este luns o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda. Preguntado sobre o impacto da mobilidade durante a Semana Santa nun acto en Arzúa, limitouse a trasladar que o comité clínico que asesora ao Executivo fará "un primeiro balance" na súa reunión deste martes.

En todo caso, precisou que "haberá que esperar unha semana ou dúas" para comprobar a evolución da pandemia e facer un balance que, espera, "sexa positivo". Non en balde, subliñou que "se as cifras seguen mellorando" tamén, paulatinamente, irase recuperando "normalidade" na vida diaria.

A súa "sensación", dixo é que "houbo movemento interior" e que "a xente está cada vez máis concienciada" con actuar conforme as medidas de prevención fixadas para frear o virus. Con todo, recoñeceu que "tamén houbo incumprimentos" e agradeceu o traballo feito ás forzas e corpos de seguridade nos controis.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do comité clínico xunto cos conselleiros de Sanidade e Política Social, Xullo García Comesaña e Fabiola García.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do comité clínico xunto cos conselleiros de Sanidade e Política Social, Xullo García Comesaña e Fabiola García.. XUNTA | Fonte: Europa Press

AMPLIACIÓN DO CHUO

Alberto Núñez Feijóo destacou este luns o compromiso do Goberno autonómico coa sanidade do rural e avanzou que "Neste mesmo mes de abril" presentarase un novo edificio do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) "para seguir coa súa ampliación".

Así o asegurou durante a inauguración do novo centro de saúde de Paderne de Allariz , durante a cal o mandatario autonómico reivindicou que, na última década, construíronse ou renovaron un total de 38 centros de saúde en concellos que non alcanzan os 5.000 habitantes.

Feijóo declarou que no centro traballarán un médico, unha enfermeira e un profesional de servizos xerais que atenderán unha media de "entre 30-38 consultas diarias". Así, Feijóo manifestou que a Atención Primaria "sempre ten que estar na primeira liña na atención sanitaria". "E polo momento estase cumprindo", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta