Os eólicos ameazan unha das dúas únicas paisaxes protexidas de Galicia

A veciñanza de Bergantiños mobilízase contra o proxecto que contempla instalar un muíño de vento “no corazón dos Penedos de Pasarela e Traba”.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

“Penedos de Pasarela, cando vos vexo, Penedos, suspiro de amor por ela”. Así cantaba Eduardo Pondal a parte da paisaxe protexida que nestes días corren perigo pola febre eólica que asolaga Galicia. A veciñanza de Bergantiños vén de se mobilizar contra un total de 3 proxectos eólicos que, segundo destacan nunha petición de Change.org, implicaría a construción dun aeroxerador “no mesmo corazón dos penedos”.

Penedos de Traba e Pasarela
Penedos de Traba e Pasarela | Fonte: Wikiloc

A cuestión está en que a paraxe é, dende hai máis de dez anos, un espazo protexido polo seu especial valor paisaxístico; circunstancia que motiva os veciños a solicitar a negativa da Xunta de Galicia ao proxecto impulsado por EDP renovables. A empresa xa subliñou en ocasións anteriores aos medios que o proxecto, polo momento, é revisable e está no aire.

Con todo, os bergantiñáns veciños desta paraxe única --só hai dúas paisaxes protexidas en toda a comunidade, e esta é unha-- non baixan a garda. Na memoria queda a loita que, décadas atrás, tiveron que librar contra a instalación dunha canteira na zona. Para remover nas conciencias dos seus veciños e sumar apoios veñen de lanzar un vídeo gabando a beleza da paraxe: “Esta paisaxe sexa máis riqueza que o parque eólico”, subliñan.

A mobilización da veciñanza de Bergantiños coincide co polémico anuncio da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que días atrás saíu en defensa do desenvolvemento de eólicos e minas en Galicia baixo o suposto de que debían ser “compatibles” co coidado do medio; circunstancia que o movemento ecoloxista non aprecia no caso galego. En Bergantiños téñeno claro:destrozar a paisaxe e os hábitats naturais non é enerxía verde".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta