Por E.P. | A CORUÑA | 06/04/2021 | Actualizada ás 17:04
A Deputación da Coruña e os concellos de Mazaricos, Santa Comba e Zas acondicionarán a senda fluvial do Xallas, que percorrerá un total de 65,5 quilómetros. Así o informa a institución provincial tras a reunión do seu vicepresidente, Xosé Regueira, cos alcaldes do tres municipios para estudar o financiamento do orzamento de 400.000 euros do proxecto.
A actuación afecta a 65,5 quilómetros por camiños peonís, que poderían ser percorridos tamén en bicicleta, e pontes nos que se atravesan recursos de especial interese paisaxístico, patrimonial e etnográfico.
No municipio de Mazaricos, o vicepresidente da Deputación da Coruña xunto co alcalde desta localidade, Juan Branco, o de Zas, Manuel Muíño e o de Santa Comba, David Barbeira, estudaron o proxecto de acondicionamento desta senda fluvial a beiras do río Xallas.
OUTRAS ACTUACIÓNS
Por outra banda, a Deputación da Coruña destina este ano 368.500 euros para o mantemento dos conservatorios e escolas de música e danza de 29 concellos da provincia. Este martes publícase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional das axudas dirixidas a municipios e entidades locais que permitirán financiar a reparación e conservación de equipamento, contratacións externas e subministracións, entre outros.
Noutra orde de cousas, o organismo provincial formará aos clubs e entidades deportivas da provincia no uso das redes sociais como plataforma para dar a coñecer a súa actividade e fomentar a práctica do deporte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.