O río Lérez: máis dunha década de atrancos para a súa limpeza e posta en valor

Os fondos do Lérez acumulan residuos tanto biolóxicos como de orixe humana. Nestes momentos, segundo estimacións dalgunhas confrarías, o 90% do fondo deste río antes de entrar na ría de Pontevedra, non é produtivo para o marisqueo. Desde Portos de Galicia contan comezar as obras de limpeza en dous anos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 07/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As confrarías da ría de Pontevedra falan de perdas millonarias por non poderen cultivar ameixa e berberecho. O motivo é a acumulación de residuos no río Lérez que teñen ateigados os antigos bancos areeiros con restos biolóxicos e lixo urbano. As causas desta situación para as confrarías está na falta de dragaxes necesarias para manter limpo o fondo do río durante o percorrido que transcorre pola cidade de Pontevedra ata a entrada na ría homónima. Os cálculos de Portos de Galicia estiman que as primeiras actuacións comezarían en 2023 en caso de non haber cambios nas lexislacións medioambientais europeas.

Río Lérez
Río Lérez | Fonte: Wikipedia

ACUMULACIÓN DE AREA E RESIDUOS

A situación do río Lérez é penosa, cos bancos marisqueiros sen produción desde hai moito tempo” di Carmen Vázquez da Confraría de Lourizán. A orixe da falta de rendemento económico está no depósito de residuos procedentes de diversas actividades humanas como dos arrastres doutras correntes de auga procedentes da ribeira do Lérez. Estes arrastres, ás veces, poden levar o que son os restos de incendios forestais, materia orgánica que logo se descompón no fondo do río creando unha capa de lama cuxa presenza impide o cultivo marisqueiro na capa areosa, lugar onde aniña o marisco bivalvo como berberecho e ameixa.

Non falamos da ría de Pontevedra, falamos do río Lérez que agora mesmo está estable no sentido de que está moi mal desde hai anos” din desde a lonxa de Campelo. “Dámolo por perdido mentres non se drague  porque o cúmulo de residuos eliminou a maioría de zonas produtivas”. A falta de zonas produtivas trouxo unha baixa no rendemento económico. Unha das consencuencias é o cambio de actividade pesqueira para moitos mariscadores.  “Haberá máis de cen persoas traballando en marisqueo a frote, aínda que algúns o compaxinan con outras artes” di Carmen Vázquez.

A acumulación actual de residuos comezou cando se retiraron as areeiras que retiraban o sedimento do río para extracción de area ou simplemente limpar. Co paso do tempo “creáronse pozos onde ían parar os residuos” din desde Campelo. A paralización extractiva de area fixo que este material se fose acumulando “e agora case toca unha beira do río coa outra”. Ademais, os pozos ou zonas onde caían os residuos non areosos acabaron rebordando e coa “muralla” de area, todas as lamas orgánicas e non orgánicas cubriron o fondo do Lérez.

A DRAGAXE E O DESATRANCO BUROCRÁTICOS

Hai moitos anos o que se facía era dragar area e así non se acumulaba”. As areeiras hai anos que deixaron de traballar e “cando pararon estabilizouse o río, os pozos encheron, quedaron os restos e cubriron zonas do río, agora só se traballa na boca do río mais o 90% é improdutivo”. E se se dragase o río de novo?

Dragar o río Lérez leva parello unha serie de estudos sobre o movemento dos bancos de area, as barimetrías. Estas medicións feitas cada cinco anos dan unha imaxe de como está o leito do río nese período. As queixas das confrarías está en que xa levan anos esperando o comezo destas extraccións. “Levan moitos anos falando deste tema, agora o volume de substrato aumentou en 20 ou 30 toneladas, isto implica un maior custe e máis tempo” di Carmen Vázquez.

O deseño da dragaxe xa se proxectou hai catro ou cinco anos, mesmo falaron con Portos de Galicia como se debe facer para beneficio dos mariscadores e sen danar o río” sinalan en Campelo. As confrarías afectadas reuníronse con Portos de Galicia para conseguir a dragaxe. Carmen Vázquez lembra que “querían ir por tramos, porque hai intereses en todas partes, solucionábase o problema duns e o doutros non”.

Desde Portos de Galicia sinálase que en 2016 xa se presentara un proxecto de dragaxe co depósito do material extraído en Tambo, “mais os navalleiros da zona dixeron que non, que poderían ver prexudicada a súa actividade”. O sector marisqueiro defendeu a postura dos navalleiros e pediu un novo deseño. Portos de Galicia asinou un contrato para avaliacións ambientais que permitan levar adiante trinta obras de dragaxe, entre elas a do Lérez. Esta última recibirá 200.000 euros para finalización de trámites. O depósito de sobrantes farase na denominada área de Sálvora, non perto da illa do mesmo nome. “En concreto hai 27 mil metros cúbicos de material, un 9% máis de cantidade para dragar”.

Sobre a data en que se ten previsto comezar coa retirada de sedimentos e limos, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, tal como dixera en Comisión Parlamentaria en outubro de 2020: “se non xurden imprevistos nas fases restantes de tramitación, poderíamos situar o comezo de obra a comezos de 2023”. Todo dependendo de se hai ou non modificacións ambientais desde a Unión Europea.

O cúmulo de residuos no río Lérez ten parte da súa orixe na falta de dragaxe de areas que permitan fluír estes residuos. Isto impide o aproveitamento marisqueiro do río nun tramo que antes era rendible e agora só ten unhas poucas zonas óptimas para o cultivo de marisco. Logo de anos negociando con Portos de Galicia, a última directora da entidade, Susana Lenguas, declarou que en 2023 poderían comezar as obras no Lérez. De momento, os residuos seguen sobre o fondo areoso do río.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta