O Festival RESIS contará con referentes internacionais da música contemporánea e a Orquestra Sinfónica de Galicia

O evento terá lugar entre os días 22 de abril e 6 de xuño en distintos espazos culturais da Coruña.

Por E.P. | A Coruña | 07/04/2021 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

A IV edición do Festival RESIS foi presentada este mércores nun acto celebrado na Sala Municipal de Exposicións de Palexco na Coruña co obxectivo de afianzarse como "un dos eventos de referencia da creación contemporánea en España". Contará con referentes internacionais da música contemporánea e a colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG).

Festival RESIS.
Festival RESIS.

O festival terá lugar entre os días 22 de abril e 6 de xuño e realizarase en distintos espazos culturais da cidade herculina. No seu programa inclúese a colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a estrea en primicia de máis de 30 obras de artistas que son referentes internacionais.

Este ano destaca a colaboración do festival coa Orquestra Sinfónica de Galicia. O director do festival, Hugo Gómez Chao, e o xerente da OSG, Andrés Lacasa, presentaron o proxecto 20/21 coa OGS. Consistirá en sete concertos nos que membros de cámara da sinfónica interpretarán pezas de compositores e compositoras galegas dea fama internacional.

Ao acto de presentación asistiron Juan Ignacio Borrego, tenente de alcalde, e o deputado de Cultura da Deputación, Xurxo Couto. Ambos destacaron a importancia da cultura, á que Borrego cualificou como "esencial", mentres Couto definiuna como "unha necesidade".

Pola súa banda, o tenente de alcalde tamén recalcou que o Concello da Coruña incrementou a súa achega para que o RESIS de "un salto este ano".

As entradas a todos os actos e concertos do Festival RESIS son totalmente gratuítas, pero haberá que recollelas fisicamente desde o venres 16 de abril nos lugares nos que se celebrarán os eventos. A capacidade será limitada polas restricións sanitarias e será importante asegurarse de poder asistir antes de reservar a entrada.

Os espazos que acollerán o festival serán: a Fundación Luís Seoane, a Igrexa das Capuchinas, o Museo Casares Quiroga, a Sala Municipal de Palexco, a Domus, o Muncyt, o Aquarium Finisterrae, a Sala do Palacio Municipal e o Teatro Colón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta