(Vídeo) Ritmos tradicionais, electrónicos e pop no primeiro disco de Alana, "O xeito á cantigha"

O trio musical mestura cancións tradicionais con ritmos electrónicos e pop.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/05/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Alana, o grupo formado por Eloy Vidal, Antía Vázquez e Pablo Castro, presenta o seu primeiro disco ‘O xeito á cántigha’, un traballo de 14 temas baseado en cancións tradicionais acompañadas de ritmos de base electrónica e pop. Desde hoxe o novo traballo do trío bergantiñá está dispoñible en todas as plataformas dixitais e en formato CD. Ademais do álbum, Alana presenta hoxe o videoclip da xota de Liñares dirixido por Jorge López.

ALANA, trio musical
ALANA, trio musical | Fonte: Fotografía de Jorge López

Nunha das recollidas de Dorothé Schubarth recompiladas no Cancioneiro Popular Galego, Delfina de Cerceda explícalle á musicóloga como dar “o xeito á cántigha” nas melodías das muiñeiras e das xotas. Esa gravación de hai máis de 40 anos é a orixe que dá nome ao álbum. “O noso disco existe grazas ás señoras e señores que cederon, e ceden aínda, os seus saberes desinteresadamente, creando un país rico en tradicións, cultura e melodías, e ás cales tanto lle debemos” din desde Alana. “Ao falar destas recollidas é común centrarse nas melodías ou acompañamentos de percusións. Para nós as propias conversacións que se dan nestes procesos e onde as informantes tamén falan das súas vidas e costumes son necesarias e claves porque contextualizan o que din cantando.” afirma o trio musical. 

“O que tiñamos claro dende o principio era a necesidade de ter unha identidade única que nos permitira ser nós mesmos coas nosas creacións”. Partindo das recollidas produciron un disco melódico con arranxos de percusión, guitarra, gaitas e mesmo con coros, como no Pasodobre de Muxía. O disco foise xestando aos poucos ata chegar ao son que buscaban. “Estamos moi orgullosas do resultado”, aseguran.  

Alana presentará ‘O xeito á cántigha’ este sábado, 4 de maio, nun concerto no Studio Follow da Coruña ás 20.30 horas. Nel participarán algunhas das artistas que colaboraron na gravación do disco como Lina e Lola, Pedro García Louzao, Xabier Gómez Romero, Andrés Boutureira ou Ismael García. O trío seguirá presentando o seu novo traballo o 11 de maio en Ames, o 17 de maio en Boiro e o 15 de xuño na Ruada das gotas de Ribadumia. No verán teñen varias datas confirmadas que anunciarán proximamente.  

Alana é un nome que procede da “voz de Alun” que en linguaxe celta significa harmonía. Na súa curta vida o grupo formou parte de espazos como a Foliada da Fonsagrada ou a Muinhada de Vimianzo. En 2023 gañaron os Premios Xuventude Crea na categoría de música.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta