Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/05/2024 | Actualizada ás 14:00
O muralismo é unha arte cada vez máis apreciada na sociedade actual. Mesmo a xente que chega de fóra de Galicia se sorprende das condicións e da calidade que está acadando na nosa terra, así como do recoñecemento que ten por parte da súa xente. Dende o Galicia Confidencial continuamos coa nosa serie na que coñecemos aos muralistas galegos con Xoana Almar, que ten xunto á súa parella, Miguel Peralta, a cooperativa Cestola. Todas as súas obras están moi vinculadas ao sentimento, polo que non hai unha que sexa máis especial que outra, pois detrás agochan un fondo significado. Con todo, pedímoslle que nos destaque as que garda con máis cariño e obtemos, como resultado, os 14 murais que realizou na Ribeira Sacra para poñer en valor a tradición dunha terra tan única; o que fixo en Carballo narrando unha historia que o seu pai lle contaba sobre a vila do Grove; e dous que ten en Santiago, un adicado ao seu pai e outro no colexio dos seus fillos.
Comezando por coñecer un pouco máis á artista, Xoana Almar comezou a pintar murais mentres estudaba ilustración na Escola de Artes e Oficios de Granada. Alí, "comecei a rodearme de xente que estaba vinculada ao mundo de graffiti e do muralismo, o que supuxo tamén un impulso ao meu comezo nisto". En concreto, lembra que "coñecín a un grupo de xente moi afecionada a ir a sitios abandoados e a pintar na rúa e, cando comecei a estar con eles, sumeime a esas pinturas". En Andalucía foi onde coñeceu á súa parella, Miguel Peralta, co que traballa agora en conxunto despois de formar a cooperativa Estola: "Sempre encaixamos moi ben no de pintar en conxunto e, aínda que moitas veces pintabamos de xeito individual, ás veces poñiamonos a facer pintura en conxunto e desfrutábamos moito". Con todo, nese momento, aínda non se dedicaban á actividade de xeito profesional.
De feito, tampouco crían que fose posible vivir deste mundo. "Eu adicábame á ilustración, facía contos ilustrados, cartaces e cousas polo estilo", conta Xoana, que confesa que "non pensaba nin de broma que se podía vivir de facer murais". Entón, mentres estiveron en Granada, os murais que realizaron foron máis ben para amigos, en bares e cousas puntuais, nunca relacionado cunha profesión da que se puidese vivir. Foi no 2011 cando Xoana volveu coa súa parella a Galicia, onde continuaron pintando pero "non era tampouco de xeito profesional", aínda non daba para vivir. Pero xa lles chamaban moito a atención as ferramentas que se usaban para os murais. Explica que "a min gústame moito pintar e fago cadros, traballo de estudo, pero o muralismo ten como un punto diferente, de ferramentas, de movemento... É outra forma de arte e, unha vez que comezas a practicalo, apetece".
Así foi como ambos buscaron maneiras de poder pintar en formatos grandes, máis aló dos traballos remunerados que facían nalgúns locais de xente que coñecían. "O muralismo ten algo moi bo, ademais, e é que o boca a boca vai rápido", asegura Xoana. E deuse a casualidade de que cando chegaron nese ano 2011 a Galicia topáronse "cunha situación especial en relación ao resto de España". "Nós coñecemos muralistas de Cataluña, Andalucía, País Vasco... e todos coinciden en que en Galicia hai un movemento bastante potente e unhas condicións laborais bastante boas en comparación con outros sitios, por iso se está xerando como un clima de profesionalización e de respecto ao traballo do artista", reflexiona a muralista. Xusto nese tempo estaba dando os seus primeiros pasos o festival Desordes Creativas de Ordes e, "cando nós chegamos a Galicia vimos o que se estaba facendo nel, trouxeron nese ano a xente que para nós era moi referente, como o italiano Blu, ao que admirábamos moito".
Alucinados porque os seus máximos referentes estivesen en Ordes, achegáronse e puideron coñecer a Dios ke te Crew e Mutante. "Enseguida fixemos migas e, ao ano seguinte, pintamos unha parede Miguel e outra parede eu dentro do festival", lembra Xoana. Así, no 2013, crearon a cooperativa Cestola e, aínda que "nun principio seguiamos sen ver o muralismo como forma de vida, adicándonos máis á estampación de roupa, a facer serigrafías, ilustracións e á parte máis gráfica", non tardou en saírlles un proxecto a grande escala. Foi no 2014 cando lles concederon un proxecto de muralismo na Ribeira Sacra, que implicaba ter que pintar moitos murais, un total de 14, o que supuxo para eles "un antes e un despois, un punto de inflexión na nosa traxectoria no muralismo". "Unha vez que comezamos a traballar alí xa notamos que nos ían chamando", conta a artista. Ademais, despois do Desordes Creativas de Ordes, Carballo creou o Rexenera Fest, e tamén lles chamaron, así que cada vez foron tendo máis traballo.
CATORCE MURAIS NA RIBEIRA SACRA QUE AMOSAN OFICIOS E TRADICIÓNS
Os 14 murais que pintaron na Ribeira Sacra foron toda unha experiencia, tanto que mesmo viviron durante un tempo na zona para empaparse da súa tradición. Xoana conta que "Miguel é almeriense e eu son galega con nai andaluza, pero non coñecía a Ribeira Sacra, así que para nós foi un impacto estar ante as súas paisaxes, ver como se vivía nas aldeas... Foi unha marabilla poder vivir alí uns meses". En certo modo, contaxiáronse do sentir das aldeas e "como estabamos en vilas tan pequenas plantexámonos buscar eses tempos de falar coa xente, poder ter unha relación máis próxima e coñecer a súa cultura e forma de vida". E é que confesa que "dábanos un pouco de medo chegar alí sen coñecer nada da historia da zona, así que démoslle bastante importancia ao previo, á fase de preparación e de documentación". E aí tocaron na tecla correcta, porque notaron que lles gustara moito a experiencia e o 'feedback' que recibiron da xente. Xoana lembra que "ao dar a ver determinado oficio achegábasemos xente que nos daba as grazas porque o seu avó traballara niso, xente que se sentía representada, había algo da identidade do lugar, e conectaba tamén con outras vilas de Galicia".
MAR E TERRA, EN CARBALLO: UNIÓN ENTRE AS DÚAS VILAS DO GROVE
Máis aló deste gran traballo, Xoana tamén garda con especial cariño un mural pintado en Carballo, titulado 'Mar e Terra', no que aparecen plasmadas "dúas mulleres moi heráticas, moi fortes, unha como do mar e outra como da terra". Para Xoana foi todo un reto porque xusto tivera ao seu bebé, que estaba na etapa de lactancia, e tivo que recibir moita axuda da súa parella para poder coller este traballo: "Foi un reto para min, o plantexarme que aínda podía seguir con isto". Así que, "aínda que ao principio estaba bastante reacia a facer este mural, coa axuda dos organizadores do Rexenera (os mesmos que organizan o Desordes Creativas), animeime e ao final saiu un mural que penso que é potente".
A historia que conta ten algo de persoal porque o seu pai era do Grove e "sempre me dicía que no Grove había como dúas almas: a alma do mar, que é a vila do Grove, e a alma do campo, que é unha parroquia que se chama San Vicente". Xoana conta que seu pai lle dicía que "no pasado case non había comunicación entre estas dúas vilas: unha adicábase á horta, ao traballo do campo, que era a de San Vicente, e a outra adicábase ao mar, que era a do Grove". "E meu pai sempre me falaba moito de que O Grove tiña mar e terra", así que plasmou no seu mural "esa relación para expresar que era unha vila de clase traballadora". "Quería reflexar esa conciencia da clase traballadora, de unión, e por iso hai dúas mulleres unidas, ese é o tema, amosar esa forza, e ao ser un mural tan grande, é moi potente", indica a artista.
UNHA NAI CUN BEBÉ, EN SANTIAGO: UNHA FOTO QUE LLE GUSTABA AO SEU PAI
E máis aló dos festivais de muralismo, Xoana tamén ten en Santiago dúas obras ás que lle garda un especial agarimo. "En Santiago fixen un enfronte do Corte Inglés no que se ve unha nai cun bebé e unha escada", dinos para que poidamos identificalo. O cariño que lle ten parte dun tema máis persoal: "Xorde a raíz da morte do meu pai, cando eu estaba nun momento de baixón e con iso aí moi presente, por iso, aínda que non son de representar cousas da miña vida persoal nos murais, e nunca o fixera antes, neste caso fíxeno cunha foto que ao meu pai lle gustaba moito, facendo unha simplificación da foto que el fixera, levándoa a liñas moi básicas".
A CABAÑA, EN SANTIAGO: HOMENAXE Á FANTASÍA QUE HAI NO DEBUXO INFANTIL
O outro mural que ten moito significado tanto para ela como para a súa parella na capital compostelá está no colexio dos seus fillos, o Santiago Apóstolo. "Creo que é un dos murais máis especiais para nós", asegura Xoana, que nos conta que este o pintou xunto a Miguel. Para facelo, pedíronlles aos nenos e nenas de infantil que fixeran debuxos. O mural resultante, titulado 'A Cabaña', "ten dous nenos e unha nena xogando, facendo unha cabaña cunhas sillas, nese mundo máxico que os pequenos van construíndo". "Un deles está debuxando e os debuxos, que son os que pintaron os nenos de infantil, saen do papel e cobran vida, están aí como merodeando polo chan", explica Xoana, que engade que "é unha homenaxe á fantasía que hai nos debuxos dos nenos e á marabilla de trazo que teñen e a como o desfrutan".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.