Alertas acesas por un proxecto de seis parques eólicos na Reserva da Biosfera das Mariñas

O Sindicato Labrego Galego advirte de que se prevén construír 43 aeroxeradores que poden alcanzar os 200 metros de altura, cuxos proxectos están na actualidade en período de alegacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) alerta do impacto dun proxecto para a instalación dunha liña de alta tensión e de seis parques eólicos na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Así, remitiu unha batería de escritos ao comité científico da Reserva da Biosfera e ao consello científico de Parques Nacionais, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O SLG advirte de que se prevén construír 43 aeroxeradores que poden alcanzar os 200 metros de altura, cuxos proxectos están na actualidade en período de alegacións. En concreto, refírese aos parques que prevé realizar Galenergy SL: Feás (entre Aranga e Coirós, cunha potencia de 40 megawatts), Fontella (entre Aranga e Oza-Cesuras, con 50 MW) e Seselle (en Oza-Cesuras, con 35 megawatts). Tamén sinala aos de Greenalia Green Power: Felga (en Aranga, Coirós e Oza-Cesuras, con 22 MW), Gato (en Aranga e Oza-Cesuras, con 25 MW) e Legre (Mesía e Oza-Cesuras, con 38 MW). Igualmente, denuncia os prexuízos da liña de alta tensión Monteagudo-Morás, promovida por Eólicos Breogán, que transcorrerá polos municipios de Carballo, A Laracha e Arteixo.

Deste xeito, o SLG considera que un territorio catalogado como Reserva da Biosfera é "totalmente incompatible" con estas instalacións "tremendamente agresivas co medio ambiente", polo que pide ás autoridades competentes que non as permitan.

Reserva da Biosfera das Mariñas coruñesas e terras do Mandeo
Reserva da Biosfera das Mariñas coruñesas e terras do Mandeo | Fonte: turismo.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta