A Xunta estudará o martes ampliar o horario de restaurantes ata as 22,30 horas

Estudará atrasar o toque de queda ás 23,00 e que outros locais hostaleiros pechen ás 21,30, segundo o Clúster de Turismo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 21:28

Comparte esta noticia

A Xunta trasladou este xoves ao sector que o martes se analizará ampliar o horario dos restaurantes ata as 22,30 horas e atrasar o toque de queda ás 23,00 horas, segundo indicaron fontes do Clúster Turismo de Galicia a Europa Press.

Así o trasladou a Xunta durante un encontro mantido este xoves con representantes do sector e que contou coa participación do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e os conselleiros de Sanidade e Emprego, Julio García Comesaña e María Jesús Lorenzana. Na reunión, remarcouse que a ampliación do horario de apertura dos establecementos hostaleiros estará condicionada á modificación do toque de queda, que, á súa vez, dependerá da evolución da pandemia.

Precisamente, este xoves, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que se avaliará atrasar o toque de queda que restrinxe a mobilidade nocturna, actualmente fixado entre as 22,00 ata as 06,00 horas, o vindeiro martes, xa cos efectos de Semana Santa sobre a mesa.

Neste novo encontro, o Goberno galego explicou a representantes do sector que na reunión do comité de expertos que asesora á Xunta prevista para o vindeiro martes exporase atrasar o toque de queda ata as 23,00 horas, de acordo coa situación sanitaria.

Se se adopta esta medida, indicou ao sector que se poderá estender ata as 22,30 horas o horario de apertura dos establecementos de restauración. Esta ampliación estaría condicionada a que os clientes dispuxesen dunha reserva previa e mantivesen a distancia de seguridade, así como a que se respectase o aforamento máximo establecido para estes locais. Ademais, trasladouse que se baralla que os restaurantes deban realizar un rexistro de clientes e que se estudará atrasar ata as 21,30 horas o peche doutros locais de hostalaría.

A última modificación as restricións establecidas para os establecementos hostaleiros entrou en vigor o pasado 19 de marzo, cando se ampliou ata as 21,00 horas o período de apertura. Posteriormente, a Xunta trasladou ao sector que non se adoptaría unha nova flexibilización das medidas, polo menos, ata despois de Semana Santa.

Unha hostaleira atende a unha clienta desde o exterior do local, no Grove, o día en que entra en vigor o peche perimetral do municipio, a 8 de abril de 2021, no Grove. Beatriz Ciscar - Europa Press
Unha hostaleira atende a unha clienta desde o exterior do local, no Grove, o día en que entra en vigor o peche perimetral do municipio, a 8 de abril de 2021, no Grove. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta