Repunta a presión hospitalaria e soben de novo os casos activos en Galicia

Os contaxios detectados no último día baixan ata os 174 e a taxa de positividade das PCR mantense en torno ao 3%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2021 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

Sete días despois do final da Semana Santa, a presión hospitalaria que deixa a pandemia da covid-19 en Galicia repuntou con cinco pacientes máis, ata o total de 172 persoas ingresadas. Isto prodúcese na terceira xornada consecutiva na que subiron, aínda que lixeiramente, a cifra de casos activos da enfermidade, que se sitúan nos 2.305.

En canto ás hospitalizacións por coronavirus, segundo os datos que ofrece este domingo a Consellería de Sanidade, solicitados ata as 18,00 do sábado, aumentaron tanto en planta --147, cinco máis-- como nas unidades de coidados intensivos --27, dous máis--.

Se se observa por áreas sanitarias, tan só dúas dun total de sete ven aliviada a súa presión asistencial. Son a de Ferrol, con cinco persoas en planta --unha menos que hai un día-- e ningunha en críticos; e Pontevedra-O Salnés, con 17 pacientes en planta --tres menos-- e tres en UCI --un máis--. Mentres tanto, a cifra de hospitalizados mantense na área de Vigo, con 27 enfermos en unidades convencionais --un menos-- e seis en coidados intensivos --un máis--; na de Santiago-Barbanza, onde se manteñen 19 en planta e catro en críticos; e na de Lugo-A Mariña-Monforte, que segue con catro en planta e tres na UCI.

Os dous restantes, A Coruña-Cee e Ourense-Verín-O Barco, rexistraron un repunte. Os hospitais coruñeses mantéñense como os de maior presión asistencial, ao repuntar a 55 --cinco máis-- os enfermos en unidades convencionais, aínda que se manteñen en nove os de coidados intensivos; mentres que nos ourensáns aumentaron a 18 os pacientes en planta --tres máis--, aínda que non varían os dous que permanecen en críticos.

VOLVEN A SUBIR OS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos de covid-19 en Galicia, tras os ascensos das dúas xornadas anteriores, os datos deste domingo volveron a reflectir un pequeno incremento ata o total de 2.305 --19 máis--. Isto débese a que os novos diagnósticos superaron as altas en 24 horas. Esta tendencia ascendente mantense en catro das sete áreas: na Coruña-Cee, subiron a 616 pacientes covid (+10); en Santiago-Barbanza, a 357 (+8); en Pontevedra-O Salnés, a 315 (+13); e en Ourense-Verín-O Barco, ata os 176 (+3). Mentres, descendeu nas áreas de Vigo, a 614 (-11); Lugo-A Mariña-Monforte, a 158 (-2); e Ferrol, a 69 (-2).

MENOS NOVOS CASOS DETECTADOS

No entanto, nos datos deste domingo descenderon a 174 os contaxios de coronavirus detectados a través de calquera tipo de proba --157 confirmados cunha PCR-- no último día, despois de que o sábado superasen a barreira dos 200. Destes novos contaxios que se suman ao cómputo global, a área de Vigo volveu liderar o ranking con 46 infeccións detectadas; seguida da Coruña-Cee, con 41. Tras estas, están a de Santigo-Barbanza, que suma 28 novos casos; Pontevedra-O Salnés, con 24; Ourense-Verín-O Barco, con 17; Lugo-A Mariña-Monforte, con 11; e Ferrol, con sete. 

Varias persoas na terraza dun restaurante, na Coruña, Galicia (España), a 19 de marzo de 2021. A Coruña atópase no nivel medio de restricións, no que a hostalaría pechará ás 21 horas como en toda a comunidade, pero o aforamento no. M. Dylan - Europa Press
Varias persoas na terraza dun restaurante, na Coruña, Galicia (España), a 19 de marzo de 2021. A Coruña atópase no nivel medio de restricións, no que a hostalaría pechará ás 21 horas como en toda a comunidade, pero o aforamento no. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Por tanto, os contaxiados deste coronavirus desde o inicio da pandemia ascenderon en Galicia a 118.606, dos que 28.770 corresponden á área da Coruña; 22.623, á de Vigo; 18.752, á de Santiago; 14.987, á de Ourense; 13.018, á de Pontevedra; 12.160, á de Lugo; e 8.296, á de Ferrol.

PCR E TAXA DE POSITIVIDADE

De acordo cos datos de Sanidade deste domingo, en Galicia realizáronse 1.911.637 PCR en total, o que supón 6.211 probas diagnósticas ao longo das últimas 24 horas --case 900 menos que o día previo--. En canto á taxa de positividade, mantense en torno ao 3%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

VÍTIMAS E CURADOS

Desde o inicio da pandemia faleceron en Galicia 2.368 persoas diagnosticadas de covid-19, despois de que na xornada do sábado a Consellería de Sanidade non notificase ningunha nova vítima. Así mesmo, ata o momento curáronse deste coronavirus en Galicia un total de 113.955 pacientes. Isto permite deducir que nas últimas 24 horas recibiron a alta outras 155 persoas.

RESIDENCIAS DE MAIORES

Pola súa banda, os casos de covid-19 nas residencias de maiores galegas mantivéronse sen cambios este domingo, con dous positivos entre os traballadores e sen usuarios contaxiados por undécimo día consecutivo. Segundo a información actualizada este domingo polas consellerías de Política Social e Sanidade, non se rexistraron novos contaxios nin altas con respecto á xornada anterior. Por tanto, mantense un positivo dun traballador da Residencia Santa Teresa da Cañiza e outro caso dun empregado da Residencia de Oleiros. Pola súa banda, os centros de discapacidade galegos non experimentaron cambios e seguen sen rexistrar casos de Covid-19 nin entre os seus usuarios nin entre os seus traballadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta