Primeiro disco de 'Ailá', un convite ao baile e á festa

O novo proxecto musical, fraguado nas noites de foliada na Casa das Crechas, pretende espallar polo país a vertente festiva do baile e o canto tradicional, achegándose tamén ás xeracións máis novas.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 14/04/2021 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Ailá é unha nova agrupación musical que bebe da tradición oral para ofrecer unha visión moderna e lúdica da creación colectiva. O cuarteto, conformado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín (Radio Cos, Banda das Crechas), lanzará o vindeiro luns 26 de abril o seu primeiro traballo discográfico.

Ailá. Foto cedida
Ailá. Foto cedida

Ailá é un neoloxismo que fai referencia a unha redución semántica dos retrousos que evocan os Ailalelo ailalalá. “O canto e o baile tradicional tiveron unha función vertebradora na vida da comunidade galega. Nelas a danza e a diversión, os momentos máis lúdicos, ocuparon un papel fundamental, e cremos que cada xeración debe recrear e revitalizar estas músicas para que pervivan. Con Ailá queremos facer festa, facer bailar”, sinalan os membros da banda, que proceden de diversas agrupacións folclóricas e charangas. 

O TRABALLO DISCOGRÁFICO

O disco, que levará como título o propio nome do grupo, é un convite ao baile e a festa. Presenta un repertorio confirmado polo análise e investigación en numerosos arquivos sonoros, aos que dotan de arranxos e ritmos modernos. A hibridación con outras sonoridades, sen perder a singulariedade das músicas de raíz, fan de Ailá unha proposta festiva, coidada e meticulosa que dá boa conta do inmenso patrimonio vinculado ao canto e danza tradicional.

O vindeiro 26 de abril será a data na que este primeiro álbum de estudio sairá á rúa cunha escolma de temas escollidos, entre os que están os coñecidos Muiñeira de Frades ou De Lusada. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta