Por Alberto Quian | Vigo | 30/09/2013 | Actualizada ás 15:19
Á segunda foi a vencida. Tous chegou a un acordo para comprar a marca galega Dayaday. Con esta operación, o Grupo Pórtico buscaba adelgazar a millonaria débeda que levou á compañía viguesa á creba e o concurso de acredores.
O interese de Tous por comprar a firma galega de complementos viña de lonxe. A principios deste ano, fontes da dirección de Pórtico recoñecían ter iniciado contactos cos cataláns para venderlles Dayaday nunha operación duns 6.200.000 euros, que cubrirían a débeda desta filial. Porén, as negociacións non chegaron a bo porto polas reticencias dos cataláns a pagar esa cantidade.
Tous volveu a amosar agora o seu interese en facerse coa propiedade da firma de complementos galega. E desta vez, co Grupo Pórtico en creba e en situación de coma inducido, e con Dayaday minguada tras o peche de preto da metade dos 64 puntos de venda que tiña esta filial en Galicia e no resto do Estado, Tous atopou a oportunidade de facerse con esta marca, agora devaluada.
Por exemplo, só en Madrid pecharon recentemente as tendas do centro comercial Gran Vía de Hortaleza e La Gavia, e van botar o peche proximamente as de Majadahonda e La Vaguada, todas elas por orde de desafiuzamento por impago do aluguer.
Ademais, Dayaday adebada aos seus traballadores a paga de verán, todo o mes de maio e dez días de xuño, máis a metade da paga de Nadal que xa se dá por perdida tras entrar en concurso de acredores. Cada asalariado está perdendo arredor de entre 2.500 e 3.000 euros por estes impagos.
As cifras da operación de venda de Dayaday a Tous non transcenderon, pero algunhas fontes do grupo falan dunha cantidade "inferior" á que ambicionaba a dirección de Pórtico hai uns meses.
O que si puido confirmar GC é que os donos de Tous xa visitaron varias tendas de Dayaday, primeiro en Madrid e logo xa en Vigo, para "tomar posesión" da súa nova propiedade, na que traballan un cento de persoas, explicaron a este xornal fontes do grupo.
A venda de Tous é o primeiro paso dado polos administradores concursais para tentar salvar a empresa Pórtico, a matriz do grupo vigués. O xuíz que leva o caso, no xulgado mercantil número 2 de Pontevedra, xa ten nas súas mans, dende o pasado venres, o plan de viabilidade deseñado polos administradores concursais e resta que este convoque as partes persoadas no concurso para entregarllo.
Fontes da empresa comentaron a este xornal que o plan podería contemplar unha redución da plantilla de máis do 50%. "Os rumores que circulan aquí son dunha redución de persoal de entre o 50% e o 70%", aseguran diversas fontes da empresa consultadas por GC.
Por outro lado, fontes sindicais critican o "mutismo total" da empresa e recoñecen que a falta de información está xerando "gran nerviosismo" entre os 370 traballadores que ten a empresa Pórtico en Galicia, a súa meirande parte na provincia de Pontevedra. "Fálase de moitos despedimentos, pero ninguén sabe nada con certeza; ninguén nos di nada", apuntan os sindicalistas.
Outra das medidas máis temidas polos traballadores é unha nova redución do seu salario, logo de aceptar unha baixada do soldo do 7,5% dentro do Expedente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) acordado entre a dirección e o comité de empresa a finais do verán pasado para tentar salvar a compañía.
Mais desta vez o sindicato maioritario en Pórtico, CCOO, anuncia que non van aceptar que se toque o soldo dos traballadores. "Non imos deixar que se negocie de novo á baixa uns soldos que xa son moi baixos", advirten os representantes dos asalariados.
Para CCOO, o plan de viabilidade debe contemplar outras vías que eximan os traballadores dunha carga que "non é a súa responsabilidade". "Baixar os salarios non sería unha solución para a viabilidade de Pórtico", insisten.
"O problema", continúan, "foi o modelo de xestión da empresa, que gañou moitísimos cartos" e que "non soubo afrontar a crise do sector no que traballamos".
Para os representantes dos traballadores, o miolo do problema está na disposición que teñan os bancos para renegociar a millonaria débeda de Pórtico. Calcúlase que as entidades financeiras teñen arredor do 78% do total do débito da empresa viguesa. "E se os bancos non aceptan renogociar esa débeda, a empresa non irá para adiante", advirten dende CCOO.
A débeda do grupo repártase así: Pórtico, 43 millóns; Silomundi S.L. (marca de Pórtico en Madrid) 5,7 millóns, e Dayaday 6,2 millóns.
Os traballadores veñen sufrindo no último ano a "mala xestión" da empresa. Preto de 250 asalariados da planta que Pórtico ten en Mós xa aceptaron unha rebaixa do 7,5%, froito do acordo para poñer en marcha o ERTE. Pero a precariedade dos traballadores tamén se agudizou polos impagos de parte do salario e de pagas extra.
CCOO calcula que na provincia de Pontevedra, onde Pórtico ten case toda a súa masa laboral, a empresa adebeda unha media darredor de 3.000 euros brutos a cada traballador. Esta cantidade inclúe a paga de beneficios de marzo, a extra de verán e dez días de xuño —cando se presentou o concurso de acredores—, amais do pago da parte que a empresa se comprometeu a aboar a cada traballador como consecuencia do ERTE (a Seguridade Social paga o 70% e a dirección de Pórtico se comprometera a aboar o 30% da porcentaxe restante).
Por todo iso, os representantes sindicais anuncian que non van tolerar que se toquen os soldos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.