Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 14:04
Os grupos da oposición en Galicia, BNG e PSdeG, volverán pedir no Parlamento galego o traspaso de competencias á Comunidade autónoma tras "12 anos" de Goberno de Alberto Núñez Feijóo nos que non se produciu "nin un novo" traspaso.
En concreto, no próximo pleno do Parlamento --que terá lugar os días 27 e 28 de abril--, os nacionalistas galegos defenderán unha proposición de lei a través da que reclamarán instar o Congreso a transferir as competencias de tráfico e seguridade viaria.
"Hai apenas dúas semanas conmemorábase o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía, vimos e escoitamos por parte da Xunta e do PP como se daban moitos golpes de peito falando de autogoberno, pero o certo e a verdade é que nos últimos 12 anos este país non recibiu nin unha soa competencia nova, nin sequera as que aparecen recollidas no Estatuto de 1981", manifestou a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces.
O PSDEG PIDE 30 TRASPASOS
Pola súa banda, tal e como detallou o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, os socialistas galegos presentarán unha proposición non de lei para reclamar ao Executivo estatal a transferencia de 30 competencias para Galicia "na liña de avanzar no autogoberno desde a lealdade institucional" e "de que Galicia non quede atrasada no proceso de avance federal e de autogoberno con respecto a outros territorios do Estado".
"Fronte ao delirio separatista --en referencia ao BNG-- e fronte á inacción e inmobilismo do PP que en 12 anos de goberno non reclamou nin unha soa nova competencia para Galicia, apostamos pola vía da reforma e do avance", dixo.
POSTURA DOS POPULARES
Pola súa banda, preguntado polas demandas da oposición, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, asegurou que "todas as iniciativas con respecto ao autogoberno" deben de ser "analizadas e valoradas".
"O Estado autonómico está basicamente desenvolvido nas comunidades autónomas, que teñen un número de competencias tanto por cantidade como por calidade que están á cabeza do mundo a nivel de descentralización política", afirmou para lembrar que Galicia xestiona políticas transcendentes como a educación, a sanidade e as políticas sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.