O acusado de tentar atropelar o alcalde de Agolada asume os feitos e acepta cinco anos de cárcere

A pena suspenderase e non entrará en prisión cando certifique que está en rehabilitación polos seus problemas de alcoholismo e outros trastornos.

Por E.P. | Pontevedra | 20/04/2021 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou, tras alcanzar un acordo de conformidade, a cinco anos de prisión a un home por tentar atropelar o alcalde de Agolada, Luís Calvo, e impactar contra o seu vehículo con posterioridade.

Xulgados.
Xulgados.

A Fiscalía pedía inicialmente unha pena de sete anos e tres meses de cárcere pero as partes chegaron a un acordo en virtude do cal o acusado recoñeceu os feitos a cambio dunha rebaixa na condena a un total de cinco anos, e trece meses e un día de multa a razón dunha cota de tres euros diarios.

Concretamente, admitiu a autoría delitos contra a seguridade viaria, de desobediencia, de atentado e de danos, así como dun delito leve de lesións. Sendo o delito máis grave o de atentado cometido contra o alcalde co agravante do uso do vehículo e por iso condénanlle a catro anos e un día de prisión. Tamén se lle impuxo a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores durante dous anos.

Con respecto á pena de prisión, o tribunal concedeu a suspensión, aínda que esta decisión confirmarase no trámite de execución de sentenza porque está pendente do informe do médico forense que certifique que o home está a ser sometido ao tratamento de rehabilitación da súa alcoholemia e dos trastornos que padece. Por tanto non terá que entrar no cárcere por estes feitos.

Segundo detallou o avogado da defensa, Carlos Alberto Collazo, en concepto de responsabilidade civil o procesado deberá pagar 210 euros polos danos que se ocasionaron ao axente, xa que os danos ao vehículo do alcalde pagounos a compañía de seguros.

PERDÓN DO ALCALDE

O alcalde de Agolada, Luís Calvo, declarou que pola súa banda "está perdoado", aínda que engadiu que "non se pode ter a esta clase de xente tentando atropelar a ninguén". "A esta xente haberá que tratala, porque entendemos que non se atopa cos cinco sentidos", apostilou.

Luís Calvo explicou, respecto o acusado, que "non había nada persoal nin moito menos" e que este home "xeraba problemas en todos lados. Colleuna comigo por ser alcalde". "Repito, vouno a perdoar, espero que o curen, porque o home psicoloxicamente non debe estar ben, pero que non se volva a repetir", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta