A Xunta aumenta as axudas a escolas infantís privadas en case 11 millóns

Di que se observou "insuficiencia de crédito" e é para facer fronte á demanda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2021 | Actualizada ás 10:54

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores unha orde da Consellería de Política Social pola que se incrementa o crédito das axudas para entidades privadas destinadas ao fomento da gratuidade da atención educativa en escolas infantís a partir do segundo fillo.

En concreto, a Orde de 30 de decembro de 2020 pola que se regularon as bases do procedemento de concesión destas subvencións destinou ás mesmas un orzamento de 10,63 millóns de euros para 2021 e 2022.

Na publicación sinálase que se observou "a insuficiencia do crédito" contemplado na orde do pasado mes de decembro debido ao aumento do número de solicitudes e de segundos irmáns e sucesivos beneficiarios da gratuidade da atención educativa.

Por iso, indícase que resulta preciso incrementar a aplicación orzamentaria en 3,5 millóns de euros para o ano 2021 e 2,25 millóns de euros para 2022, así como que se aumenta o crédito destinado a este fin nestas cantidades.

A publicación desta orde leva a súa entrada en vigor desde este xoves, pero non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Precisamente, a pasada semana a Consellería de Política Social publicou no DOG unha ampliación de crédito de 750.000 euros para os anos 2021 e 2022 das axudas destinadas ao funcionamento das escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social, para facer fronte á demanda de solicitudes para a gratuidade do segundo fillo e sucesivos.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita unha escola infantil en Ferrol.. XUNTA
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita unha escola infantil en Ferrol.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta