A Illa de Arousa segue avanzando cara unha frota pesqueira 100% eléctrica

A iniciativa para descarbonizar os barcos avanza outro paso co apoio da Zona Franca de Vigo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2021 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

O proxecto 'Bateeiro' da Asociación de Mexilloeiros Illa de Arousa, que ten como obxectivo electrificar e descarbonizar o sector pesqueiro na illa galega, recibiu o apoio da Zona Franca de Vigo (ZFV) para a consecución de fondos europeos. Así o comunicou o organismo estatal, tras unha reunión entre o delegado do Estado no Consorcio, David Regades; o presidente da asociación mexilloeira, Fernando García; e o alcalde da Illa, Carlos Igrexas.

No transcurso deste encontro, Regades trasladou o seu apoio a través do "traballo técnico" do Consorcio para a consecución de fondos europeos, así como na procura tanto "dun socio tecnolóxico que reforce o proxecto" como do "necesario financiamento". En concreto, esta iniciativa opta a fondos de European Islands Facility-New Energy Solutions Optimised for Islands (NESOI), que financiará 60 proxectos de transición enerxética e pretende mobilizar máis de 100 millóns de euros e reducir as emisións de CO2 para 2023.

O proxecto 'Bateeiro', liderado pola Asociación Mexilloeiros Illa de Arousa, conta coa participación das empresas SGI, Astrimar, Talleres Alfredo e OPP20 e do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, e co apoio do Concello da Illa. O seu obxectivo é, cun orzamento de ao redor dun millón de euros, electrificar os barcos e instalar no Porto de Arousa unha rede de fontes renovables para cubrir esa demanda. Con iso, reduciranse as necesidades enerxéticas de combustibles fósiles e contribuirase á descarbonización da illa.

SECTOR

Segundo os datos achegados por Zona Franca, a pesca do mexillón representa o 60 por cento da economía da Illa e conta con máis dun centenar de embarcacións, o que supón un consumo medio diario de 2.800 litros de diésel e a xeración de 1.390 toneladas de CO2 anuais.

A través do proxecto 'Bateeiro', búscanse solucionar problemas de ruído e vibracións, reducir as emisións de CO2, evitar verteduras de diésel ou aceite, e reducir "practicamente a cero" os custos de mantemento relacionados co motor de propulsión e máquinas hidráulicas para mexillóns".

Imaxe aérea da Illa de Arousa durante a celebración do Atlantic Fest. ATLANTIC FEST
Imaxe aérea da Illa de Arousa durante a celebración do Atlantic Fest. ATLANTIC FEST

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta