Volven absolver a traballadora do Sergas acusada de acceder ao historial clínico da súa filla sen permiso

O xulgado considera que non se acreditou que non contase con autorización da filla para facelo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/04/2021 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu a unha traballadora do Servizo Galego de Saúde (Sergas) acusada de acceder en decenas de ocasións á historia clínica da súa filla sen o seu permiso, ao entender que non se acreditou que non contase con autorización da súa filla para facelo.

Aplicación móbil do Sergas
Aplicación móbil do Sergas | Fonte: Xunta.

A acusada, María Josefa O.A., foi xulgada por estes feitos por segunda vez en decembro de 2020, xa que houbo unha primeira sentenza absolutoria, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou dita resolución e ordenou a repetición da vista, ao considerar, entre outras cuestións, que se produciu un "erro na valoración da proba" e que a Audiencia non tivo en conta que "a propia presunción de inocencia da acusada en absoluto obriga a dar por sentada a veracidade das súas afirmacións".

Na nova sentenza, o tribunal provincial considera probado que a acusada, na súa condición de persoal do Sergas, entre 2012 e 2014 realizou 68 accesos á historia clínica da súa filla "a fin de tomar coñecemento de datos relacionados co seu estado de saúde", aínda que apunta que isto o fixo "sen que se acreditase que realizou tales accesos sen contar coa autorización" dela.

Nesta liña, sostén que "a valoración da proba" permite considerar acreditado que "efectivamente a acusada (...) accedeu con fins persoais á historia clínica da súa filla en reiteradas ocasións desde xuño de 2012 a abril de 2014".

No entanto, sinala que "non se contou con outra proba máis que as declaracións de cada unha das partes", polo que "a Sala, na valoración conxunta da proba practicada, non pode chegar ao convencemento máis aló de toda dúbida de que os accesos se levasen a cabo sen autorización".

Neste sentido, recoñece que había un "estreito vínculo entre as partes" que foi "cambiante ao longo do tempo", o que "leva a considerar hipótese razoable a existencia dun consentimento non escrito". Ademais, engade que a testifical da denunciante "non se viu corroborada pola documental", co que se crea "unha dúbida suficiente".

Por todas estas cuestións, aplica o principio 'in dubio pro reo' e absolve a María Josefa O.A. do delito continuado de descubrimento de segredos relativos á saúde da vítima cometido por funcionario público, coa agravante de parentesco, como reclamaban a Fiscalía e a acusación particular.

En concreto, o Ministerio Público pedía para María Josefa O.A. a pena de 4 anos de prisión, 9 anos de inhabilitación e 7.200 euros de multa. Pola súa banda, a acusación particular solicitaba unha condena de 4 anos de cárcere e 12 de inhabilitación, así como unha multa de 8.640 euros e unha indemnización para a filla de 15.000 euros polos mesmos delitos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta