O alcalde de Santiago alerta do aumento de festas ilegais en pisos turísticos

A Policía Local tratou de intervir dúas veces na festa ocorrida este fin de semana e leva desde o sábado "tentando porse en contacto" cos donos, sen conseguilo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2021 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

A Policía Local de Santiago tentou intervir ata en dúas ocasións, por chamadas veciñais, nunha festa ilegal ocorrida este fin de semana nun piso de aluguer turístico en Santiago, na que, segundo os seus propietarios, se produciron importantes danos. No entanto, o rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, afirmou este luns que aínda non se puxo denuncia por parte dos donos por estes feitos.

"Hoxe ás 10,00 horas aínda non había denuncia presentada por eses danos", explicou o rexedor, que indicou que ten constancia deles a través da "publicación na prensa diaria dunhas declaracións da propietaria". O sábado, día en que se produciu esta festa ilegal, foi unha veciña do inmoble a que alertou á Policía Local, que se presentou na zona e tentou en dúas ocasións intervir. Con todo, as persoas que se atopaban no piso "negáronse a abrir e a identificarse".

Por iso, "desde o sábado", a Policía Local está a tentar "porse en contacto coa propietaria" deste piso", aínda que, "de momento, non o conseguiron", engadiu o alcalde.

Sánchez Bugallo explicou que os veciños do piso están "bastante molestos", xa que "non é a primeira vez que hai unha denuncia por festas" neste inmoble. "Temos constancia e coñecemento de que se están alugando pisos para festas", dixo o alcalde, que pediu "unha reflexión" ás persoas que teñen pisos de aluguer turístico, que "deben esforzarse en identificar as persoas ás que se lle aluga o piso e establecer algún tipo de garantías".

Entre a noite do venres e a noite do sábado, a Policía levantou 14 denuncias en Compostela por festas ilegais. Ademais desta, houbo outra "bastante numerosa", na que estiveron implicadas 15 persoas.

Oferta de pisos turísticos na web Airbnb
Oferta de pisos turísticos na web Airbnb | Fonte: Airbnb

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gestido

Totalmente falso!a propietaria a primeira hora da maña do sábado xa contactou tanto co a policía local como co a nacional os cales lle dixeron e recalcaron q esperaran o perito do seguro para poñer a denuncia.No día de hoxe luns,unha vez foron valorados os danos,a propietaria,seguindo EN TODO O MOMENTO as pautas das ordes das autoridades foi a poñer a dita denuncia.As cousas claras porfavor,e si o alcalde as 10 da mañan non tiña constancia da denuncia foi xq os polícias da sua cidade foron os q dictaron as pautas de cando poñela.