O Plan Estratéxico de Turismo da Deputación de Pontevedra será aprobado o vindeiro venres para os próximos 3 anos

A meta do II Plan Estratéxico de Turismo será a consolidación da provincia como territorio turístico intelixente, aliñado coa Axenda 2030.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 26/04/2021 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará o vindeiro venres o II Plan Estratéxico Provincial de Turismo, a folla de ruta de reactivación do sector para os próximos 3 anos, que foi validado este luns pola Mesa de Turismo.

Segundo informou a Deputación, trátase dun documento marco, de máis de 280 páxinas, no que se asintan as bases para a reactivación do sector turístico no destino Rías Baixas durante os próximos anos e que ten prevista a mobilización de ao redor dos 20 millóns de euros.

A gran meta do II Plan Estratéxico de Turismo será a consolidación da provincia como territorio turístico intelixente, aliñado coa Axenda 2030, mediante grandes eixos como a promoción e a comunicación, a oferta turística e a competitividade.

De forma global, trátase de potenciar o turismo como medio para mellorar a calidade de vida da cidadanía, reforzar o posicionamento do destino como espazo con identidade propia, sustentable, de calidade e singular; perfeccionar a proposta do destino cara os segmentos de mercado; e converter Rías Baixas e, por tanto, a provincia nun destino turístico intelixente de referencia internacional.

O plan elaborouse cunha metodoloxía participativa de ata 12 mesas temáticas e entrevistas persoais a máis de 100 persoas expertas de ámbito provincial, nacional e internacional.

DIXITALIZACIÓN E SUSTENTABILIDADE

O documento fai unha importante aposta pola dixitalización mediante ferramentas tecnolóxicas, como a Intelixencia Turística, Big Data e Intelixencia Artificial como elementos aceleradores da industria turística.

Ademais, inclúe, o presente e o futuro do turismo en Rías Baixas pasa por potenciar a sustentabilidade nas súas diferentes dimensións e ten en conta os novos escenarios nos que se insere a industria turística, nos que debe aprender a xestionar a incerteza mediante a innovación e traballar pola inclusión das persoas e a igualdade de oportunidades.

O Plan Estratéxico ten unha estimación orzamentaria de 16 millóns de euros de cara ao período 2021-2023, así como a incorporación de fondos europeos que permitirán mobilizar ata 20 millóns de euros no desenvolvemento do conxunto das accións.

O documento presenta ata sete grandes obxectivos: o desenvolvemento dun acervo metodolóxico adaptado ás necesidades e ás características do sector turístico; o fortalecemento da capacidade institucional en todos os niveis administrativos; a redución da fenda dixital; a consolidación de esquemas colaborativos público-privados de innovación continua; a interoperabilidade das solucións tecnolóxicas en todo o territorio; a converxencia de orzamentos de distintas fontes a favor de obxectivos compartidos co Plan Estratéxico de Turismo de Rías Baixas; e a maximización do valor da marca do destino nunha contorna cada vez máis competitivo.

En total, recóllense 46 plans de actuacións con 269 accións operativas con elementos moi identificativos da provincia como son os festivais de música, os castelos, o enoturismo, a gastronomía, a ruta da camelia, a ornitoloxía, os Camiños de Santiago, e outros fundamentais para a competitividade, como o SICTED, os workshops e feiras promocionais, o programa SMARTPEME, a rede de oficinas de turismo, os programas de fondos europeos, así como accións de comunicación e promoción como o Programa de sensibilización ao sector sobre sustentabilidade, entre outras cuestións.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta