Os traballos do proxecto Compostela Rupestre avanzan a existencia de 150 sitios arqueolóxicos na zona

O traballo de campo iniciarase previsiblemente a semana próxima.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2021 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

Os traballos de redacción do Plan Director do Parque Compostela Rupestre, realizados pola empresa Trivium, avanzan a existencia de 150 sitios arqueolóxicos no territorio, uns 50 aínda sen catalogar.

Así se debateu na primeira reunión do Consello Director e do Consello Asesor do Proxecto Compostela Rupestre para avanzar no proxecto de redacción do Plan Director do Parque. Durante o encontro, os participantes puxeron en común os eixos fundamentais do proxecto de traballo para a elaboración do documento e aprobaron distintas accións para a súa consolidación.

O director xeral e o director científico do proxecto da empresa Trivium transmitiron os primeiros pasos do traballo na elaboración do Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, para o que terán seis meses de prazo, tres para completar o catálogo e tres para deseñar actuacións e plan de xestión. Neste sentido, avanzaron que, ao final do proxecto, o catálogo do parque incluirá ao redor de 150 sitios arqueolóxicos, uns cincuenta sen catalogar ata o momento.

A día de hoxe, a empresa está a desenvolver o proceso de recompilación de documentación sobre a riqueza da arte rupestre do territorio e, paralelamente, está a deseñar unha nova ferramenta de información que permitirá acceder a datos non só de estado e localización, senón tamén imaxes e outro material gráfico, cartografía, puntos de interese da contorna ou distancia entre recursos de interese.

O traballo de campo, que se iniciará previsiblemente a semana próxima, acometerá a recompilación de información como a delimitación perimetral de cada unha das entidades, propiedades ás que afecta, situación dos accesos e outros elementos próximos, ademais da análise da situación ambiental do territorio.

Consello Asesor do Parque Compostela Rupestre. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Consello Asesor do Parque Compostela Rupestre. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta