Os afiliados á Seguridade Social baixaron en Ferrol, Santiago, Lugo e Ourense nos últimos 12 meses

Aumentaron na Coruña, Vigo e Pontevedra, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/04/2021 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

Nos últimos 12 meses (de marzo de 2020 a marzo de 2021), os afiliados á Seguridade Social diminuíron en catro dos sete grandes concellos galegos: en Ferrol, Santiago, Lugo e Ourense. Mentres, aumentaron nas tres restantes (A Coruña, Vigo e Pontevedra), segundo os datos que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Seguridade Social
Seguridade Social | Fonte: Europa Press.

O maior descenso experimentouno o concello de Ourense, onde o dato baixou en marzo un 1,2% respecto ao mesmo mes do ano anterior. No extremo oposto sitúase Pontevedra, cunha alza do 1,3%.

En marzo deste ano, o 3,8% dos afiliados en alta laboral residentes en Galicia tiñan nacionalidade estranxeira. Aínda que os consistorios con máis cotizantes de nacionalidade distinta á española eran os correspondentes ás sete grandes cidades, en termos relativos, destacan algúns da comarca de Valdeorras e da Mariña de Lugo.

Das 942.239 persoas de alta en marzo, o 94,7% (892.390) xa figuraban o último día do trimestre pasado. Os 49.849 restantes déronse de alta en marzo.

O grupo de idade que rexistrou a maior cifra neste trimestre foi o de 25 a 29 anos, seguido do de 40 a 44. No tocante ás baixas, a maior incidencia deuse de 40 a 44.

O 5,7% das afiliacións teñen que ver con actividades relacionadas coa agricultura e a pesca, o 14,3% co sector industrial, o 7,5% coa construción e o 72,1% co sector servizos.

Mentres, quince persoas ingresan ao sistema da Seguridade Social en Galicia por cada 100 que están en idade de abandonar o mercado laboral e por tanto próximas a pasar á situación de pensionistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta