A Xunta di aspirar a máis competencias para Galicia, pero pide que "antes" se financien as que xa ten

O PP volve rexeitar unha iniciativa do PSdeG que esixía o traspaso de 30 novas competencias.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/04/2021 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, asegurou que a Xunta aspira a ter máis competencias pero considerou que "antes" de pedir novos traspasos é necesario que o Goberno financie aquelas competencias coas que xa se conta.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, no pleno da Cámara
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, no pleno da Cámara | Fonte: Xunta.

"Sabemos o que nos toca, loitar para crecer no autogoberno, un autogoberno que consiste en ser respectados, que nos dean o financiamento necesario para exercer as nosas competencias", manifestou en resposta a unha interpelación formulada no pleno do Parlamento de Galicia polo deputado nacionalista Luís Bará, quen urxiu á Xunta pedir os traspasos "pendentes" tras 12 anos de goberno "sen unha nova competencia".

"Supoño que estará de acordo con que antes de pedir novas competencias, que desde logo as pedimos, o que haberá que pedir é que financien as que temos", afirmou o vicepresidente primeiro da Xunta.

Alfonso Rueda sostivo que "non é normal" que o Goberno central estea "a furtar diñeiro" a Galicia para "darllo a outras comunidades" que "claro que avanzan máis rápido". "Pero niso consiste o Goberno do señor Sánchez, en darlle máis a aqueles que lle sosteñen o goberno, é o seu único obxectivo", manifestou.

Neste sentido, argumentou que "para darlle máis a un" o Executivo estatal "está a quitarlle" a Galicia "coa complicidade" dun BNG que "di que a culpa" é do PPdeG. "Así é imposible", sinalou nunha intervención na que criticou que os nacionalistas estean "satisfeitos" cun "papel mollado que non vale para nada" --en referencia ao acordo de investidura entre BNG e PSOE-- e cun PSdeG "sucursal" que lles vai a "lexitimar calquera cousa".

E lembrou que nunha carta remitida ao ministro de Política Territorial, Miquel Iceta, a Xunta xa lle trasladou ao Goberno central a súa vontade de chegar a un acordo sobre a Lei de Saúde, "recorrida sen previo aviso e mostrando un trato absolutamente desigual respecto doutras comunidades", así como de priorizar o traspaso da AP-9 e do dominio público marítimo terrestre.

"Imos pedir iso e agardo que teñamos o seu apoio", dixo.

"FRACASO E PURA INCOMPETENCIA"

En fronte, o deputado do BNG Luís Bará emprazou á Xunta a reclamar as transferencias pendentes e criticou que o Executivo de Feijóo fose "incapaz" de conseguir "unha soa transferencia" fronte ás "14 do bipartito en catro anos". Ademais, cualificou de "fracaso, calamidade, desastre e pura incompetencia" a xestión dos gobernos de Feijóo durante 12 anos.

Bará, que lle reprochou a Reuda que o seu partido se abstivese na votación da proposta de lei do BNG para reclamar as transferencias en materia de Tráfico e Seguridade Viaria --que saíu adiante cos votos a favor do Bloque e o PSdeG pola abstención do PPdeG--, emprazou o PP a pedir a convocatoria da comisión mixta entre Xunta e Estado para abordar estes traspasos pendentes.

Ademais, acusou o Goberno da Xunta e o PP de querer "un pais pequeno, tutelado, bonsai". "Ou mellor dito, un eucalipto, e desde o BNG reclamamos un país grande, forte, en plenitude, un país carballo e, por iso, seguiremos demandando todas as transferencias pendentes co fin de chegar ao máximo teito competencial", dixo.

O PP REXEITA RECLAMAR AS 30 COMPETENCIAS QUE PIDE O PSDEG

Na sesión plenaria, os votos en contra do Grupo Parlamentario Popular impediron que saíse adiante unha proposición non de lei a través da que o PSdeG volvía pedir que a Xunta reclame 30 novas competencias que o viceportavoz socialista, Pablo Arangüena, cualificou de "razoables, razoadas e perfectamente viables para Galicia".

O socialista asegurou que ao Partido Popular "non lles interesa o autogoberno, senón a confrontación". Así, tamén lle afeou á Xunta que nos últimos 12 anos non conseguise "nin unha soa nova competencia" para Galicia.

Ademais, criticou que o PP renunciase a pedir novas atribucións durante os sete anos de goberno de Rajoy para presentarse ás eleccións de 2020 pedindo os mesmos traspasos que incluíran no seu programa de 2009".

Aínda que a iniciativa dos socialistas contou co apoio do Bloque, expresado polo parlamentario Iago Tabarés, non saíu adiante ao ser rexeitada polo Grupo Parlamentario Popular, cuxo deputado Alberto Pazos considerou que a lista de competencias do PSdeG destaca polas "súas ausencias" ao non incluír "nin unha palabra sobre a AP-9" ou a "débeda" do Estado con Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta