Gonzalo Caballero acusa a Feijóo de tentar "cubrir gastos xa comprometidos cos fondos europeos"

Para o secretario xeral do PSdeG "é hora de que Feijóo se active, que deixe de pensar no PP e se poña a facer os deberes en economía, porque os galegos non chegan a fin de mes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2021 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, deu á Xunta de Alberto Núñez Feijóo un "suspenso rotundo" pola súa "política de brazos caídos" fronte á recuperación económica, á vez que sinalou os "preocupantes" datos que arroxou a semana pasada a EPA para Galicia.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns desde o Parlamento galego, o líder socialista lamentou que o presidente do Goberno galego renuncie "a ser motor da reactivación económica" tras a pandemia da covid-19.

Para Caballero, Feijóo "carece de modelo" para a recuperación e, por iso mesmo, ofreceu a "man tendida" do PSdeG: "É hora de que Feijóo se active, que deixe de pensar no PP e se poña a facer os deberes en economía, porque os galegos non chegan a fin de mes".

E é que os galegos, engadiu, senten "orfos" dun goberno que "non pensa nas dificultades do país" mentres os datos de paro e de poboación ocupada en Galicia no primeiro trimestre "son peores que en calquera outra comunidade".

Neste contexto, responsabilizou á Xunta dos datos da EPA, que apuntaban que en España hai 65.000 persoas menos en desemprego, mentres na Comunidade galega esta cifra subiu nunhas 15.700. Ademais, a poboación ocupada caeu en 21.200 persoas, un 1,96% de baixada fronte ao 0,7% do conxunto do Estado.

O secretario xeral do PSdeG vinculou estas cifras ao "efecto devastador" que tivo a campaña de Feijóo de "salvar o Nadal", o que levou "un repunte de contaxios" e "un aumento das restricións" sobre a actividade económica.

"PAUS DE CEGO"

"O único que hai é moita estratexia cara a fóra, moita propaganda, pero non chegan as medidas e tampouco chegan as axudas", sinalou Gonzalo Caballero, quen seguidamente acusou á Xunta de dar "paus de cego" cos proxectos presentados aos fondos 'Next Generation'.

Aínda que nun primeiro momento falaban de "sete grandes proxectos", finalmente o Goberno galego incluíu un total de 354 entre os que se atopan algúns "xa previstos con fondos propios", como os novos hospitais da Coruña e Pontevedra. Para Caballero, isto demostra que "no canto de fomentar novas iniciativas para a reactivacion", Feijóo "tenta cubrir gastos xa comprometidos cos fondos europeos".

Non en balde, criticou o "novo invento" do presidente autonómico ao presentar a semana pasada unha sociedade público-privada para a xestión destes fondos --a Xunta achega un 40% do capital, seguida por Abanca cun 38%, de Reganosa cun 12% e de Sogama, cun 10%-- sen abordalo previamente na comisión de reactivación do Parlamento.

PEDRO PUY (PP)

Fronte ás críticas do líder socialista, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, desmentiu que o paro xerado pola covid impacte en maior medida en Galicia e, de feito, defendeu que a economía "se está recuperando mellor que a española" porque a caída do PIB foi menor. "E iso tradúcese tamén en que o emprego evoluciona mellor en moitos sentidos, particularmente no ámbito da muller", engadiu.

Por tanto, considera que os datos do paro teñen "causas que non dependen do Goberno autonómico" e vinculounos con "outros obstáculos", como o feito de que Galicia é "unha comunidade moi exportadora" e as medidas "máis restritivas" que se adoptaron na Comunidade galega para loitar contra a covid.

Así mesmo, o portavoz parlamentario do PPdeG reivindicou que a Administración galega entra nesta crise, que require "máis gasto público para recuperar a economía", con "as contas máis saneadas que o resto".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa.. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa.. PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta