Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/10/2013 | Actualizada ás 18:21
O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, dixo este mércores alto e claro o que outros dirixentes do PP veñen dicindo en privado desde hai meses; que Resistencia Galega actúa como ETA. "Tenta imitar en moitos aspectos a ETA, aínda que a diferenza desta, conta cun apoio social moi pequeno nunha comunidade autónoma onde a súa poboación é pacífica, traballadora e con sentido común", dixo na apertura dun curso sobre terrorismo, seguridade cidadá e violencia antisistema.
Así, e ante numerosos mandos e efectivos policiais, Juárez suliñou que as tácticas que utiliza RG son "moi semellantes" as que utiliza ETA, tanto polas súas "motivacións e procedementos", como nas estratexias de defensa nos tribunais a través de organizacións de cobertura e apoio, apuntou en alusión a organizacións como Ceivar.
Con todo, o delegado do Goberno en Galicia amosouse tranquilo porque "Resistencia Galega non se achega nin sequera ao momento de menor apoio que tivo ETA" na sociedade vasca.
Durante a súa intervención, Juárez quixo deixar claro, "porque se manipularon as súas palabras", que o independentismo non ten que ver co terrorismo. "Non existe ningún tipo de similitude, a pesar de que algúns terroristas defendan pola vía da violencia unha opción totalmente lexítima", apuntou.
Tamén Ricardo Ruiz da Serna, avogado e profesor da Universidade CEU-San Pablo, subliñou que, historicamente, aqueles movementos que buscan "lexitimarse ou xustificar a violencia" acabaron "fracasando" porque a opinión pública "non se deixa manipular tan fácil".
Sen embargo, e sobre o uso de explosivos por parte de Resistencia Galega, opinou que a organización "está a chegar a certo grao operativo" pero tamén significa "unha fuxida cara a adiante, na que a violencia ten que ser cada vez maior". Con todo, suliñou que "o Estado pode dobregar a quen pretende usar a violencia como arma política e a lei acábase impondo".
Por outra banda, a Audiencia Nacional absolveu este mércore ao membro de Resistencia Galega Eduardo Vigo dun delito de confección de aparello explosivo con finalidade terrorista ao non quedar acreditado que participase na fabricación da bomba que lles foi incautada nun coche a outros dous independentistas galegos.
Vigo enfrontábase a unha petición fiscal de 8 anos de cárcere e foi xulgado por estes feitos tras ser recentemente condenado pola Audiencia Nacional a 18 anos de cárcere por pertenza a un grupo terrorista xunto a outro tres membros de Resistencia Galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.