Temas: JáCOME OURENSE

A xunta de persoal do Concello de Ourense esixe o cesamento de tres directores nomeados por Jácome

Trátase do responsable de Recursos Humanos, o de intelixencia artificial e o 'City Manager'.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 04/05/2021 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

Os sete sindicatos representados na xunta de persoal do Concello de Ourense solicitaron este martes o "cesamento inmediato" dos tres directores xerais nomeados polo rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: ONCE - Europa Press - Arquivo.

Nunha rolda de prensa conxunta, as organizacións pediron o cesamento do responsable de Recursos Humanos, do de intelixencia artificial e o City Manager, ao que se referiron como "os Messi da administración local", cuxos postos suman "máis de 250.000 euros brutos ao ano".

"Viñan para salvar a patria e todo segue igual, por non dicir peor, o único que se salvou con este tres heroes foron os petos do alcalde", apuntou a xunta de persoal, que pide que a contía desas nóminas sexa destinada a obras sociais.

Así mesmo, os sindicatos denunciaron o "desmantelamento progresivo" de servizos como "cultura, voluntariado, mocidade e a Universidade Popular" e manifestaron ter "serias dúbidas" deque "non estea tamén en trámite o desmantelamento da unidade de condutas adictivas e da Unidade de Día".

Segundo denuncian, todo iso realízase "con traslado de persoal e baleirado de dependencias municipais sen coñecemento dos xefes de servizo nin do Director Xeral de Recursos Humanos e, por suposto, sen contactar cos representantes dos traballadores".

A xunta de persoal denuncia un ambiente laboral de "acoso" no que se "deixa sen traballo a funcionarios" para "xustificar os desmantelamentos".

Tamén aseguraron que o control horario supón "outra patada ao aire do alcalde". "Anunciou que estaría o día 3 de maio pero non dixo de que ano, non está nin se lle espera", sentenciaron para destacar que non sabe, porque estaba na oposición, que ese control xa se aprobou hai catro anos nunha mesa xeral de negociación".

Sobre o persoal eventual trasladaron que "realizaron funcións que non lle corresponden" exemplificando co Centro de Intelixencia Artificial. "Hai tres enxeñeiros que están a realizar labores que corresponderían a funcionarios e noutras dependencias están con trámites de expedientes e reunións de técnicos para as que non teñen competencia", indicaron.

"Hai expedientes con información confidencial que non deben pasar de man en man así como así sen un procedemento administrativo", esgrimiron.

Por todo iso, anunciaron concentracións durante todos os venres do mes de maio e o primeiro de xuño, que empezarán este día 7 para visibilizar o descontento dos traballadores. "Segundo os acontecementos vaian xurdindo iranse incrementando as medidas de presión", indicaron.

Ademais, presentaron un escrito ante a Administración Local no que lembran en que consiste cada unha de funcións do persoal eventual "para que tomen medidas" e, en caso de non facelo, anuncian que o farán chegar a Fiscalía.

Temas: JáCOME OURENSE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta