Lugo terá caldas no Miño no prazo dun ano

Contarán con "seis piscinas, catro de auga quente e dúas de auga fría".

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 05/05/2021 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este mércores que se disporá de caldas no río Miño, na contorna do Pazo de Feiras, no prazo dun ano. A rexedora explicou que os traballos foron aprobados na xunta de goberno local e contemplan un investimento próximo ao millón de euros.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. | Fonte: Europa Press

"Unha vez que se adxudique, unha vez que as empresas presenten ofertas, teremos un ano para a finalización e a conclusión das mesmas", comprometeu.

A alcaldesa lucense celebrou que, "despois de anos para conseguir os permisos oportunos", se vexa como "se materializan proxectos como os das caldas e tamén todos os proxectos deseñados para transformar a cidade, e facelo nun enclave tan espectacular como é a zona do Carme, do barrio da Cheda ou da contorna do club fluvial".

Lara Méndez lembrou que desde hai tres anos se está traballando en dinamizar "a contorna fluvial" e puxo como exemplo o éxito que cultivou o festival Caudal Fest. "Tratamos de facer desa contorna un motor económico da cidade, que continuamos coa pasarela e que seguimos co paso subterráneo e que agora tamén se completará con este servizo", subliñou.

A rexedora incidiu en que a "idea" é que estas caldas estean concluídas o próximo ano, un servizo que contará con "seis piscinas, catro de auga quente e dúas de auga fría" cunha capacidade para 50 persoas cada unha delas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta