A Xunta insiste ao Estado en que amplíe a declaración BIC de 2008 para incluír os bens do Pazo de Meirás

O delegado do Goberno declarou que "hai que esperar" ao resultado do recurso.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/05/2021 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, sinalou este venres que os servizos xurídicos da Xunta consideran que debe ser o Estado, como propietario das Torres de Meirás, quen debe executar os trámites para ampliar a declaración BIC de 2008 do Pazo, para incluír no réxime de protección parte dos bens mobles que se atopan no interior.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás | Fonte: CONTACTO PHOTO - Europa Press.

Con este obxectivo, segundo explicou Rodríguez, o Goberno galego remitiu unha proposta de convenio ao Estado para deseñar un marco entre ambas as institucións "que posibilite certezas" no proceso administrativo, "dar seguridade xurídica" ás actuacións, e lograr que aqueles bens de interese histórico que se atopan no interior do pazo e que non forman parte da declaración BIC permanezan no patrimonio público.

O titular de Cultura lembrou que actualmente o réxime de protección inclúe os bens máis singulares, en concreto as estatuas do Mestre Mateo e a Biblioteca Pardo Bazán, e que o debate está centrado na decisión xudicial que concede aos herdeiros do ditador Franco un prazo dun mes para retirar bens do complexo.

Á espera de que se decida sobre o recurso presentado pola Xunta como o Goberno central, o Executivo autonómico, Rodríguez insiste na importancia de actuar e dar pasos para "garantir" que estes bens "poidan seguir formando parte do patrimonio" público. Por iso, e dando cumprimento ao acordo unánime alcanzado no Parlamento galego, exponse a ampliación desta declaración BIC para estender esa protección ao resto de elementos do interior e que conten con ese valor histórico.

DELEGADO DO GOBERNO

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, afirmou este venres que, antes de dar outros pasos, "hai que esperar" ao resultado do recurso interposto pola Avogacía do Estado ante a decisión dun xulgado de outorgar un mes á familia Franco para retirar bens do Pazo de Meirás.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, antes de participar nun acto en Vigo, e subliñou que o Goberno vai seguir " na defensa dos intereses públicos e do patrimonio do Estado".

No entanto, precisou, "hai que esperar" ao resultado do recurso e coñecer tamén "en detalle" que mobles se quere levar do Pazo a familia Franco ou "que bens queren desprazar".

Por outra banda, a Xunta expuxo ao Goberno colaborar para avanzar na inclusión de mobles "inseparables" das Torres de Meirás na declaración do inmoble como Ben de Interese e Cultural (BIC).

En concreto, o Executivo autonómico remitiu unha proposta de convenio de colaboración á Administración Xeral do Estado para manter accións comúns para protexer os valores culturais das Torres de Meirás como sitio histórico, segundo trasladou a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta