Os hostaleiros acollen como "boa noticia" as novas medidas e piden precaución para non dar "pasos atrás"

Destacaron que a supresión do peche perimetral da comunidade beneficiará a moitos hoteis e pensións de Compostela e a súa comarca que "continúan pechados esperando por unha melloría da situación".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2021 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

Os hostaleiros galegos recibiron con alegría a "boa noticia" da ampliación de horarios, fin do toque de queda e apertura do peche perimetral da comunidade acordados polo comité clínico, aínda que lembraron a importancia de continuar tendo medidas de precaución para non dar "pasos atrás".

Neste sentido, Hostalaría Compostela celebrou as medidas anunciadas este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que pasan porque se suprima o toque de queda e os bares pasen a pechar ás 23,00 horas, mentres que os restaurantes poderán operar ata as 1,00 horas da madrugada, sempre que o concello non estea en nivel máximo de restricións.

Así mesmo, destacaron que a supresión do peche perimetral da comunidade beneficiará a moitos hoteis e pensións de Compostela e a súa comarca que "continúan pechados esperando por unha melloría da situación".

En conxunto, desde a asociación opinan que "é unha boa noticia" que o sector poida "ir volvendo á normalidade aos poucos". No entanto, pediu que os pasos que se dean "sexan firmes e seguros". "O que sería terrible sería dar pasos atrás. Moitos negocios están nunha situación límite despois de máis dun ano de pandemia e non o soportarían", advirten.

Na mesma liña, o presidente dos hostaleiros lucenses, Cheché Real, asegurou que o sector está "satisfeito" con estas medidas, polo que "supón economicamente" para os negocios, gravemente afectados pola pandemia e as limitacións horarias.

Paralelamente, confiou en que esta desescalada avance ao mesmo tempo que a vacinación, que "vai ser imprescindible" para recobrar estes hábitos e non dar pasos atrás, e puxo o foco sobre a situación do lecer nocturno, aínda pendente de probas piloto e protocolos que permitan a súa reapertura tras máis dun ano pechados.

UNHA ETAPA DE CERTIDUMBRE

Pola súa banda, a Confederación Galega de Empresarios de Hostalaría e Turismo instou a iniciar, co fin do estado de alarma, "unha etapa de certidumbre para o sector", que "asegure a senda da recuperación necesaria da hostalaría tras máis dun ano de restricións". Neste sentido, fixeron fincapé na necesidade de "escenarios claros" que permitan "recuperar a confianza" e nas axudas directas que necesitan "urxentemente" os afectados.

A plataforma considera que as restricións en hostalaría "favorecen os escenarios que realmente inciden na propagación do virus", como as reunións en casas particulares. "É soamente nos establecementos hostaleiros onde se aseguran as máximas condicións de seguridade para gozar dun lecer en espazos seguros", apuntan. Paralelamente, reclaman "como medida necesaria en todo o país" a implantación do pasaporte COVID-19 para "salvar o sector turístico" e facilitar as viaxes.

Varias persoas nunha terraza, o día en que entran en vigor novas medidas na hostalaría, en Vigo
Varias persoas nunha terraza, o día en que entran en vigor novas medidas na hostalaría, en Vigo | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta