Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2021 | Actualizada ás 20:11
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, defendeu este martes no pleno do Parlamento galego unha iniciativa que, entre outras cuestións, reclamaba a implicación de "todas as administracións" no Pacto de Estado por Ferrol, unha comarca de cuxa crise atribuíu ao PSOE, como forza no Goberno central, e aos seus "socios" do BNG.
En concreto, a proposición non de lei dos populares, na súa redacción orixinal, buscaba instar á Xunta a esixir ao Estado a construción dun buque para a Armada Española nos estaleiros ferroláns da empresa pública Navantia, para así dotar de carga de traballo tanto ao seu persoal como á industria auxiliar.
A este texto inicial, o PPdeG decidiu engadir, cunha autoenmenda, un parágrafo para reclamar ao Goberno de España a asinar o Pacto de Estado proposto pola Xunta para impulsar a actividade económica nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Durante o debate, Tellado instou aos dous grupos da oposición a asumir a súa "responsabilidade" sobre a situación desta zona do norte coruñés, afectada non só pola crise en Navantia senón tamén polo peche da central térmica das Pontes de García Rodríguez.
"Se de alguén é culpa isto é do Partido Socialista e do Goberno de España, e da parte que lles toca, tamén do BNG", engadiu o deputado popular. Por iso, Tellado urxiu a que "todas as administracións" --tamén concellos e deputacións-- ratifiquen o Pacto de Estado para que os fondos 'Next Generation' destinados para estas comarcas "queden blindados". Neste contexto, o 'número dous' do PPdeG suxeriu aos socialistas que, mentres sigan no Goberno central, algo "circunstancial", "fagan algo por Ferrol".
OS SOCIALISTAS APUNTAN A RAJOY
Durante o debate, o deputado do PSdeG Martín Seco acusou aos populares de deixar ao estaleiro de Navantia "en quebra técnica" durante o Executivo de Mariano Rajoy e de "recuperar" a defensa da construción das fragatas F-110 "en 2019", cando Sánchez chegou á Moncloa.
"O resultado do seu paso polo Goberno de España foi quebra técnica e falta de carga de traballo. Debe contarlles ás auxiliares cales eran os intereses particulares do señor Morenés --ministro de Defensa con Rajoy-- en paralizar o seu proxecto", engadiu Seco.
Así a todo, o deputado do PSdeG afeou a "propaganda sen contido" que promove a Xunta co seu Pacto de Estado, cando as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal "necesitan unha reindustrialización".
Por parte do BNG, Ramón Fernández avanzou o voto a favor do seu grupo porque a formulación é "correcta", aínda que cualificou de "trampantojo" a iniciativa dos populares: "Parece unha cousa, pero é outra". E é que, para o parlamentario nacionalista, o que fai a Xunta e o PP cos proxectos propostos é ser "valedor das empresas" enerxéticas mentres rexeitan un modelo que xere "retorno social".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.