Baixan os ingresados e os casos activos de covid, aínda que repuntaron os novos contaxios

O Sergas detecta 159 positivos, 14 máis que o día anterior, e a taxa de positividade ascende lixeiramente, ata o 2,9%

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2021 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

As cifras da pandemia da covid-19 en Galicia mostran unha baixada da presión hospitalaria, ata o total de 184 ingresados, e dos casos activos da enfermidade, ata os 2.933, por segundo día consecutivo. Todo a pesar de sufrir unha leve repunta os novos contaxios de coronavirus detectados en 24 horas, que ascenderon a 159.

De acordo cos datos actualizados na mañá deste venres pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas do xoves, recollidos por Europa Press, os pacientes covid ingresados descenderon en catro nas última xornada, ata contabilizar 146 en planta --dous menos-- e 38 en unidades de coidados intensivos --tamén dous menos--.

Con todo, ao observar as cifras por áreas sanitarias, tan só en tres baixaron os hospitalizados con coronavirus. Nesta situación atópase A Coruña-Cee, cun total de 50 ingresados (-6), dos que nove están na UCI (-1); Pontevedra-O Salnés, con 32 pacientes (-2), nove deles críticos (+1); e Ourense-Verín-O Barco, con 12 (-2), dos cales dous están en coidados intensivos (-1).

Onde non variou a cifra de ingresados nas últimas 24 horas foi na área de Santiago-Barbanza, que se mantén con 23: 19 en planta (-1) e catro na UCI (+1).

Pola contra, a presión hospitala aumentou noutro tres áreas sanitarias. En Vigo, ascenderon a 51 os ingresados (+1), a pesar da caída na UCI ata os 11 (-2); en Lugo-A Mariña-Monforte, a 11 (+3), aínda que en críticos mantéñense en dous; e en Ferrol, ata o cinco (+2), pero tampouco hai variacións en coidados intensivos, que só hai un.

BAIXAN Os CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos da enfermidade, descenderon por segundo día consecutivo. De acordo cos datos deste venres, os pacientes sitúanse en 2.933, tras un descenso de 21 --grazas a que as altas superaron os novos diagnósticos--.

De feito, descenderon en cinco das sete áreas sanitarias. Na Coruña-Cee, baixaron ata os 652 pacientes (-18); en Pontevedra-O Salnés, a 470 (-4); en Ourense-Verín-O Barco, a 222 (-3); en Lugo-A Mariña-Monforte, a 196 (-8); e en Ferrol, a 94 (-5). Mentres tanto, na área de Vigo os casos activos mantéñense estables nos 859, pero si que ascenderon na área de Santiago-Barbanza, ata colocarse nos 440 --17 máis--.

REPUNTAN OS CONTAXIOS

Así mesmo, en Galicia detectáronse 159 casos de coronavirus con calquera tipo de proba nas últimas 24 horas --133 confirmados cunha PCR--. Isto implica unha lixeira repunta de 14 con respecto aos notificados o día previo, pero seguen en cifras similares do inicio da semana.

Do total das novas infeccións detectadas, as principais áreas sanitarias afectadas son a de Vigo, con 57, seguida da de Santiago-Barbanza, con 35, e da Coruña-Cee, con 21. A área de Pontevedra-O Salnés sumou 15 novos contaxios, tras a cal se sitúan Lugo-A Mariña-Monforte, con 14; Ourense-Verín-O Barco, con 12; e Ferrol, que pecha a táboa con só cinco.

Por tanto, os contaxiados de covid-19 desde o inicio da pandemia en toda Galicia ascenderon a 124.531, dos que 30.030 corresponden á área da Coruña; 24.333 á de Vigo; 19.546 á de Santiago; 15.514 á de Ourense; 13.987 á de Pontevedra; 12.612 á de Lugo; e 8.509 á de Ferrol.

Pola súa banda, a taxa de positividade --porcentaxe de infeccións por test PCR realizados aumentou lixeiramente ata un 2,9%, despois do 2,3% do xoves, pero segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Varias persoas, na terraza dun bar a 9 de maio de 2021, en Ribadeo (Lugo) / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Varias persoas, na terraza dun bar a 9 de maio de 2021, en Ribadeo (Lugo) / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta