Convocan axudas para facilitar o traslado de residencia das mulleres vítimas de violencia de xénero

Galicia é desde este ano, xunto con Asturias, a única Comunidade que conta con axudas económicas para apoiar o traslado destas mulleres

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A Xunta apoiará parte dos gastos nos que incorren as vítimas de violencia de xénero cando ven obrigadas a trasladar a súa residencia por motivos laborais e tras cesar a convivencia cos seus agresores.

Teléfono de asistencia 016 para atender situacións de violencia de xénero
Teléfono de asistencia 016 para atender situacións de violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia publica este martes a orde coa convocatoria para 2021, que tamén se dirixe ás vítimas da violencia vicaria, a exercida contra as fillas e fillos destas mulleres para facerlles dano.

Galicia é desde este ano, xunto con Asturias, a única Comunidade que conta con axudas que favorecen o apoio económico para facilitar o traslado de residencia das vítimas de violencia de xénero por motivos laborais e a primeira en estender este tipo de apoios ás mulleres que padecen violencia vicaria.

A Xunta busca financiar con esta nova liña dotada con 40.000 euros parte dos gastos nos que incorren as mulleres vítimas de violencia de xénero obrigadas pola súa condición á mobilidade xeográfica, en concreto ás que deben cambiar de residencia habitual como consecuencia dunha contratación por conta allea ou para establecerse por conta propia no lugar de destino.

Entre os gastos a cubrir, atópanse os derivados do desprazamento, transporte de mobiliario e aveños, aloxamento e de gardaría e atención a persoas dependentes. Como requisitos, as beneficiarias teñen que acreditar a súa condición de vítimas de violencia de xénero e cesar a relación de convivencia cos seus agresores. A media dos ingresos brutos mensuais, ademais, non pode ser superior a 3,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples -Iprem- situado en 564,90 para 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta