O BNG pide ao Estado que rexeite o novo regulamento europeo de control pesqueiro

O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na Cámara baixa en busca de que o Estado rexeite o novo regulamento europeo de control pesqueiro, que considera "volve ignorar por completo a realidade da frota galega e a súa singularidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na Cámara baixa na procura de que o Estado rexeite o novo regulamento europeo de control pesqueiro.

O Bloque propón que se apliquen medidas alternativas, dialogadas co sector, para evitar "a penúltima estocada á frota artesanal" que se verá obrigada á instalación de cámaras a bordo e a unha permanente geolocalización coa mesma normativa que os grandes buques industriais.

O deputado no Congreso alerta ademais de que, ao elevado custo que terá para a frota de Galicia o cumprimento do regulamento, agora súmaselle a nova ameaza pola supresión de todas as subvencións ás actividades pesqueiras, incluídas as axudas ao gasóleo.

A modificación, que aínda non entra en vigor ata o próximo ano, obriga, entre outras cuestións, a incluír cámaras a bordo dos barcos e impón a geolocalización a buques de máis de catro metros, así como a levar un diario electrónico de pesca e notificar as súas capturas ao instante.

"A normativa volve ignorar por completo a realidade da frota galega e a súa singularidade, sen atender ao tamaño dos seus barcos, ás zonas onde habitualmente faenan, á duración das mareas, ao modo de faenar ou á operativa de venda do produto obtido", quéixase.

Remarca que Galicia posúe preto de 4.000 barcos de artes menores, dos que a inmensa maioría son de menos de 12 metros de eslora e que desenvolven a súa actividade, maioritariamente, dentro das rías do país.

Barcos da frota artesanal galega concéntranse en Vigo
Barcos da frota artesanal galega concéntranse en Vigo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta