As doazóns de leite materno aumentaron durante a pandemia

O banco de leite de Santiago, que acolle doazóns de toda a área norte de Galicia, acumulou 274 litros no que vai de 2021.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/05/2021 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

Como cada ano desde 2005, este 19 de maio conmemórase o Día Mundial da Doazón de Leite Materno, un xesto altruísta que non se viu afectado por este primeiro ano de pandemia. Ao contrario, só no banco de leite de Santiago --que acolle doazóns de toda a área norte de Galicia-- acumulou 274 litros no que vai de 2021 e rexistrou xa a súa doante número 350 --algunhas delas na 'reserva'--. Ademais, neste primeiros cinco meses do ano, atendéronse só no hospital compostelán doce nenos.

Doazón de leite materno no Banco de Leite do Complexo Universitario de Santiago de Compostela.
Doazón de leite materno no Banco de Leite do Complexo Universitario de Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press.

En Santiago de Compostela, funciona desde o ano 2016 o Banco de Leite Materno, situado no Hospital Clínico Universitario. O seu principal obxectivo é almacenar e prover de leite materno aos recentemente nados que non poidan obtela das súas nais, de forma totalmente gratuíta --tanto a doazón como a recepción--. Aínda que vai dirixido a calquera neonato que a necesite, os casos máis habituais son os bebés prematuros.

A matrona responsable do Banco de Santiago, María Castiñeiras, afirma que o leite materno "é o mellor alimento posible para todos os bebés" porque, entre outros beneficios, "diminúe o risco de infección, proporciona gran cantidade de defensas inmunolóxicas e mellora a tolerancia a alimentos".

Todas estas ganancias proporcionadas aos bebés constitúen a principal razón que alenta as mulleres a doar, xa que, por experiencia, Castiñeiras declara que as mulleres "ven os beneficios que teñen para os demais bebés e para os seus propios fillos", á vez que é unha forma de "regalarlle saúde a outros nenos".

Só neste ano 2021, atendéronse en Santiago a un total de 12 nenos, segundo cifras do Banco de Leite Materno. Hai que lembrar que este banco abastece "todo o norte de Galicia: Ferrol, Lugo, A Coruña...", desde onde tamén se recepciona leite materno. Ademais, doáronse este ano 274 litros de leite e hai, actualmente, 350 doantes no norte de Galicia.

A matrona aclarou que "non todas" as mulleres que son doantes "están activas", porque unha vez se fai a doazón, mantense o número de doante por se, nun futuro, quere facer unha nova achega. Con todo, a cifra é relevante porque, mesmo durante a pandemia, houbo "un incremento de doantes" e ademais, está a subir "substancialmente" a cantidade de leite doado. "As mulleres están a ser moi altruístas", destacou Castiñeiras.

Neste sentido, conseguiron liquidar as dificultades que supoñen as restricións continuas e o propio confinamento, xa que "ningún bebé prematuro quedou sen leite materno". Aínda así, a matrona recalcou que "o obxectivo é que as súas nais consigan a súa propia lactación".

O tempo de subministración de leite no banco depende das semanas que teña o bebé de vida pero "poden estar ata tres meses na unidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta