Condenado a catro anos de prisión por abusos sexuais continuados a unha menor en Carnota

O tribunal destaca que o relato da nena "é perfectamente crible" e está apoiado por elementos periféricos.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 19/05/2021 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a catro anos e medio de prisión a un acusado de abusar sexualmente de modo continuado dunha menor á que esperaba de modo habitual nunha parada de autobús de Carnota (A Coruña). Segundo detalla a sentenza, contra a que cabe recurso de apelación, o tribunal tamén impuxo ao procesado a privación de aproximarse a menos de 300 metros da menor e de comunicarse con ela por calquera medio durante cinco anos.

Os xuíces consideraron probado que entre abril e xuño de 2017 o acusado esperaba á menor, de 13 anos, na parada dun autobús situada en Carnota e conversaba con ela cando ía pola mañá a coller o transporte escolar. No mes de xuño, cando se achegaba o final do curso escolar, o procesado convidouna a manter relacións sexuais con el nunha caseta da súa propiedade situada na praia e "tocoulle a perna á altura da nádega".

Así mesmo, o 12 de setembro de 2018, a nena atopouse a este home esperándoa cando se dirixiu a recoller ao seu irmán menor. Deste xeito, el comezou a conversar coa menor, á que se lle "volveu insinuar" sexualmente "e chegou a tocarlle o peito". Como consecuencia, a adolescente "fuxiu correndo" e "volveu á súa casa".

A sección primeira da Audiencia Provincial considerou autor dun delito de abuso sexual continuado á menor de dezaseis anos a este home, que negou dirixirse á nena "en termos inadecuados que puidesen ser interpretados como de contido sexual" e realizarlle tocamentos.

DECLARACIÓN DA MENOR

Deste xeito, a principal proba de cargo foi a declaración da vítima, que "é perfectamente crible en relación co feito que sucedeu" e "mantense no esencial" ao achegar "unha plena lóxica interna dentro do que se pode esixir dada a idade da testemuña e as circunstancias de comisión do feito, sen presentar trazos que impidan dubidar da súa veracidade".

Neste sentido, os xuíces remarcaron que non consta ningún motivo que "permita sequera valorar que exista un interese espurio ou unha animadversión que diminúa a credibilidade desa declaración", así como que "hai elementos periféricos que apoian esa versión".

A este respecto, destacaron que "os amigos da menor inciden en que se puxo en contacto con eles inmediatamente" e que "a convenceron de que llo contase aos seus pais", mentres o seu proxenitor declara que cando a súa filla lle contou o incidente fixo referencia a un intento de tocamento por parte do acusado. Ademais, resaltaron que "os peritos informan que o relato da vítima ten unha credibilidade global máxima".

O tribunal afirmou que "a existencia de contacto físico, as zonas nas que se produciu e a súa intensidade descartan calquera posibilidade de considerar o acto casual ou alleo á sanción penal". Tamén concluíu que o feito de que o procesado crese que a nena tiña "17 ou 18 anos" resulta "incompatible" con "a condición escolar da menor" que "tiña que saber" polas circunstancias dos seus encontros.

Adicionalmente, sinalou que "non quedou debidamente probado" que o procesado tivese alteradas as súas facultades intelectuais ou volitivas como consecuencia dun accidente cerebro-vascular que sufrira.

FOTO DE ARQUIVO: Xuízo en Vigo por abusos a dous menores, fillas do acusado.
FOTO DE ARQUIVO: Xuízo en Vigo por abusos a dous menores, fillas do acusado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta