A Deputación promociona as Rías Baixas no Fitur como un "lugar máxico e verdadeiro paraíso"

"Se queren recuperar a felicidade, xa saben onde teñen que vir, ás Rías Baixas, porque é o noso momento", remarca Carmela Silva.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 20/05/2021 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a súa campaña Rías Baixas "É o teu momento", unha campaña "potente" e que "toca as emocións", na que se fala de Pontevedra como "un lugar que é máxico, un verdadeiro paraíso" e un destino "con enorme potencial".

"Queremos ser esa segunda casa á que vir descansar, na que recuperarse da vida cotiá, na que conectar coa natureza e gozar da hospitalidade da nosa xente", remarcou durante o acto de presentación a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, quen convidou a todos os asistentes a gozar de Pontevedra, "un lugar que namora". "Se vostedes queren recuperar a felicidade, xa saben onde teñen que vir, ás Rías Baixas, porque é o noso momento, e onde mellor que nunha provincia que o oferta todo?", rematou.

O acto arrincou cun vídeo no que se puxeron en relevo algúns dos valores da provincia, como as súas praias, os seus montes, a súa arquitectura, a súa gastronomía e a súa cultura vitivinícola. "Onde imos, sobra todo, e volverás máis completo. Que ti esteas aquí é o máis importante desta viaxe. Viches que paisaxe? Non esperes máis, é o teu momento", anima a narradora.

Noa García foi a encargada de conducir o evento, no que subliñou que actualmente se inicia "unha etapa ilusionante no turismo". No entanto, lembrou que o ano se iniciou con importantes restricións, un marco no que a campaña arrincou a través de redes sociais baixo a denominación '#Momentos Rías Baixas', á que convidou a participar.

HOMENAXE AO SECTOR TURÍSTICO

A continuación, rendeuse unha especial homenaxe ao sector turístico e en concreto aos seus profesionais. "Temos que estar moi agradecidos e agradecidas a como respondeu o sector -durante a pandemia-, entenderon que a saúde era o primeiro e tiñámonos/tiñámosnos que coidar", comentou Silva noutro dos vídeos que acompañaron a presentación.

"As empresas de turismo son o noso maior activo", destacou, insistindo en que estes traballadores "teñen un enorme compromiso" co territorio e a súa cultura. "O turismo en Pontevedra ten un enorme potencial. Ten que haber turismo de xaneiro a decembro", resolveu.

O evento, que se retransmitiu virtualmente na páxina web e as redes sociais da Deputación pontevedresa, concluíu cun vídeo no que a cantautora Wöyza interpretou unha canción. "Unha muller galega que representa o mellor de nós e nós, cantando, e cunha paisaxe ao fondo que namora", remachou Carmela Silva.

A Deputación de Pontevedra presenta en Fitur a súa campaña turística 'É o teu momento'. EUROPA PRES
A Deputación de Pontevedra presenta en Fitur a súa campaña turística 'É o teu momento'. EUROPA PRES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta