A Xunta estuda relaxar as restricións a reunións

Feijóo avoga por valorar, "con prudencia" e en función da situación de cada comunidade, a eliminación da máscara para xullo ou agosto.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/05/2021 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia da covid-19 volverase reunir a comezos de semana e avaliará relexar as medidas que afectan as reunións, que na actualidade están restrinxidas a seis persoas en espazos exteriores e a catro en interiores.

Varias persoas en terrazas de bares, na Rúa do Fornos, a 22 de maio de 2021, en Ourense
Varias persoas en terrazas de bares, na Rúa do Fornos, a 22 de maio de 2021, en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Así o avanzou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser. O mandatario confirmou que esta cuestión estará enriba da mesa do comité clínico unha vez os expertos avalíen os datos epidemiolóxicos desde a caída do estado de alarma e a apertura dos restaurantes ata a 1,00 da madrugada o fin de semana do 7 ao 9 de maio.

Ademais, Feijóo abordou a hipótese de relaxar o uso da máscara en espazos ao aire libre, unha cuestión que xa "forma parte do debate nacional" porque se debe ir "valorando con prudencia e con proporcionalidade á situación epidemiolóxica de cada comunidade".

"Neste momento pensamos que no mes de xullo sería razoable, como moito en agosto, en función da situación epidemiolóxica e do incremento da vacina", recalcou, aínda que seguidamente dixo que "pode ser un pouco antes se as vacinas chegan con maior intensidade".

En calquera caso, lembrou que a obrigatoriedade da máscara "está regulada por lei" a nivel estatal, polo que se necesitaría "autorización do Goberno central".

Neste sentido, Feijóo propuxo que ou ben se retire para toda España de maneira homoxénea ou ben "en función dos criterios epidemiolóxicos de cada comité clínico de cada comunidade autónoma", a opción que lle parece "máis sensata".

A "LEA" CON ASTRAZENECA

Así mesmo, o presidente da Xunta lamentou a "lea" que ao seu xuízo foi "provocado" polo Ministerio de Sanidade co debate da segunda dose da vacina de AstraZeneca para os menores de 60 anos que recibiran a primeira desta marca.

A pesar de que o Instituto Carlos III avalase a inmunización completa empregando Pfizer, Feijóo lembrou que tanto a Axencia Europea do Medicamento como "as sociedades científicas máis relevantes" dixeron que "o lóxico" é usar "a mesma vacina".

"É o que expuñamos algunhas comunidades autónomas, incluída Galicia", apostilou.

Por iso, aínda que serán os pacientes os que elixan cun consentimento informado que segunda dose queren recibir, a Xunta considera que deben completar a súa pauta "coa mesma vacina" da primeira dose.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta