A Casa Cornide goza de protección patrimonial desde este luns coa incoación do expediente para declarala BIC

A Xunta incide en que o marco de protección non interfire en "outros réximes vinculados á propiedade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2021 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A Casa Cornide, inmoble situado na cidade vella da Coruña en propiedade dos herdeiros do ditador Francisco Franco, goza desde este luns do réxime de protección patrimonial como Ben de Interese Cultural (BIC) tras a incoación do expediente para declarala como tal.

A publicación oficial do expediente, feita este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), supón a aplicación do marco de protección que establece a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia para os BIC, unha consideración que estará vixente ata a resolución do proceso, para a que existe un prazo de 24 meses a contar desde este 24 de maio.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, resaltou en declaracións aos medios este luns en Santiago, que a incoación do expediente para a súa declaración como BIC é unha "actuación desde a perspectiva do patrimonio a instancias do Concello da Coruña" que "non altera outros réximes vinculados á propiedade".

Neste sentido, Rodríguez apuntou que o marco que implica a consideración como BIC supón "simplemente" fixar unha protección desde o punto de vista de protección patrimonial "sen  entrar a presumir da propiedade ou a non propiedade dun ben".

Neste sentido, despois de lembrar que os propietarios dun BIC están suxeitos a unha serie de permisos e condicionantes ante a Dirección Xeral de Patrimonio para actuar sobre ese ben, o conselleiro remarcou o feito de que Cornide estea xa protexida coa simple incoación do expediente, polo que restou importancia aos "tempos" para a súa resolución, que seguirán as marxes "ordinarias".

EXPEDIENTE

E é que a incoación do expediente, que ten un prazo formal para a súa resolución de 24 meses, supón a aplicación inmediata dun réxime de protección provisional para o inmoble no seu conxunto.

Por tanto, todos os elementos de Casa Cornide, desde as fachadas ata as carpintarías, parámetros exteriores, volume e composición arquitectónica e construtiva, están suxeitos desde este luns ao réxime de protección que establece a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia para os bens de interese cultural e para os monumentos en particular.

A resolución da Consellería de Cultura publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) incide no "carácter destacado" da Casa Cornide como "un exemplo moi escaso" da arquitectura residencial da época da Ilustración en Galicia.

Tamén pon de relevo a "gran calidade" material e de composición e o "grao moi alto" de integridade entre as súas estruturas e a formalización, que fai que o inmoble da cidade herculina presente elementos "únicos" tanto na planificación construtiva como en estilo e ornamentación arquitectónica.

Así mesmo, o departamento de Patrimonio Cultural valora o feito de ser residencia de José Andrés Cornide Folgueira e Saavedra, unha das personalidades "máis estacadas" en Galicia e España do Século das Luces; á vez que resalta o lugar que ocupa na cidade vella da Coruña e o "amplo recoñecemento social" deste inmoble.

DESDE O SÉCULO XVIII AOS FRANCO

O expediente realiza un repaso histórico desta construción, que se remonta a mediados do século XVIII, cando Diego Cornide e Saaevedra, pai de José Andrés Cornide Folgueira e Saavedra, levantou a actual casa grazas a un "investimento extraordinario" no emprazamento que ocupaba a residencia da familia Folgueira-Cornide.

A casa foi o fogar de José Cornide, que residiu no inmoble en varias etapas ata que  en1789 se mudou a Madrid para dedicarse de pleno ás súas tarefas na Real Academia da Historia. Tras a morte de Cornide, a casa pasou a ser habitada pola súa filla para, máis tarde e despois de varias herdanzas, terminar en mans da súa última propietaria, Carmen Vázquez Pardo, quen en 1949 véndea ao Ministerio de Educación Nacional.

A intención do Goberno era transformar o inmoble nun conservatorio de música e declamación, aínda que finalmente o proxecto foi refugado en 1960, cando a casa foi permutada polo Ministerio de Facenda ao Concello da Coruña.

Pola súa banda, o consistorio herculino cede a casa e adxudícaa a Pedro Barrié da Maza, quen, pouco despois, véndea a Carmen Polo, esposa do ditador Francisco Franco. Tras esta operación, conclúe Patrimonio, o inmoble foi rehabilitado para recuperar a súa funcionalidade residencial polos herdeiros de Franco, que a usaron especialmente entre os anos 1975 e 1988.

Arquivo - A Casa Cornide, na Coruña. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Arquivo - A Casa Cornide, na Coruña. M. Dylan - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta