O Concello de Santiago podería recibir sancións da UE ao non reciclar o suficiente, segundo Adega

A organización ecoloxista insta a ampliar as plantas de compostaxe para cumprir cos estándares europeos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2021 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

Novo toque de atención da plataforma ecoloxistas ADEGA a respecto da xestión de residuos na comunidade galega. Desta vez, as críticas da asociación non van dirixidas ao ‘modelo Sogama’ da Xunta de Galicia, senón ao proceder do Concello de Santiago, que segundo a plataforma está “moi lonxe” de cumprir os obxectivos que marca a regulación europea.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO

De acordo coa asociación, na actualidade a taxa de reciclaxe do concello de Santiago de Compostela non chega ao 20%, dato que corresponde a 2017, última anualidade na que se fixo pública esta taxa.  A problemática estaría en que, con esta base, o obxectivo de chegar ao 60% no 2030 ou ter acadado sequera o 50% en 2020 preséntase moi dificultoso.

Esta insuficiencia, que expoñería ao Concello de Santiago a sancións por parte da UE, viría de se agravar, a ollos de Adega, polo prego de licitación aprobado polo consistorio. “Comprobamos, unha vez máis, que o concello de Santiago de Compostela volve desperdiciar a oportunidade de apostar pola redución, reutilización e reciclaxe de residuos, ficando a compostaxe de forma anecdótica e relegada ao plan de melloras das empresas que consideren presentar”.  

'COLAS' PARA COMPOSTAR

Segundo apuntan dende a asociación, a concesión do servizo atinxe aos vindeiros 10 anos, se ben o prego “non garante” que se consigan acadar os obxectivos da UE, co risco das xa amentadas sancións.  Dende a plataforma subliñan como principais obstáculos a esquivar a elevada proporción de residuos orgánicos, as dificultades de Sogama para asumilos, a voluntariedade do ‘quinto colector’ e o feito de que “non se aposta pola compostaxe comunitaria”, que segundo cifran só conta con tres colectores en todo o concello. 

Precisamente é nese último aspecto onde piden poñer o foco, xa que este tratamento de compostaxe permitiría unha xestión de proximidade e xerar “un maior número de postos de emprego”. “A sociedade está preparada e demanda este tipo de xestión, posto que cando se instalaron as tres primeiras illas houbo lista de agarda de persoas que querían compostar os seus residuos e que nunca se atenderon”, aseguran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta