Temas: LOBO CUNTIS

O lobo enfermo achado por veciños de Cuntis nunha casa en ruínas recupérase nun centro

Atópase no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 26/05/2021 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

Os veciños da aldea de Castrolandín, pertencente ao concello pontevedrés de Cuntis, viviron durante a tarde deste martes unha curiosa situación ao descubrir a un lobo no interior dunha casa abandonada.

Lobo achado en Cuntis (Pontevedra)
Lobo achado en Cuntis (Pontevedra) | Fonte: Concello de Cuntis.

Foi unha veciña do lugar a que viu como un cánido de importante tamaño se refuxiaba nunha casa abandonada desta aldea ao cruzarse no seu camiño. Nun primeiro momento, esta muller pensou que se trataba dun can e comentou a situación cos seus familiares que se achegaron ao lugar onde comprobaron, para a súa sorpresa e incredulidade, que non era un can, senón un exemplar de lobo que permanecía deitado no interior da ruína en aparente mal estado de saúde.

Eran aproximadamente as 20,00 horas cando os veciños deron aviso ao Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis informando da aparición do lobo.

Unha vez no lugar os membros do operativo comprobaron que, en efecto, se trataba dun exemplar de lobo ibérico (Canis lupus ignatus). O animal continuaba deitado e apenas reaccionaba ante a presenza da xente.

Ante a incerteza de como actuar realizaron unha primeira chamada ao 112 solicitando comunicarse co Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe e poder trasladar o animal ao refuxio.

No entanto, isto non foi posible e desde o 112 tampouco se soubo dar unha resposta clara a que facer ante a situación. Foi entón cando se avisou ao alcalde, Manuel Campos, que tamén se achegou ao lugar e realizou xestións para que a Consellería de Medio Ambiente enviase a un veterinario e un axente ambiental, que acudiron acompañados do xefe de servizo da Consellería.

Este equipo especializado procedeu ao adormecemento do animal coa inxección dun dardo sedante e tras introducilo nun transportín foi trasladado polo Servizo Municipal de Emerxencias ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, onde se está recuperando.

O alcalde Manuel Campos explicou que o lobo tiña síntomas evidentes de desnutrición e debilidade causadas previsiblemente por algunha enfermidade, pero sen descartarse tampouco a posibilidade dunha intoxicación por veleno.

Temas: LOBO CUNTIS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta