Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2025 | Actualizada ás 17:32
O 59% dos alumnos que facían a ESO en Galicia no curso 2023/24 estudan unha segunda lingua estranxeira, que maioritariamente adoita ser o francés. A pesar de ser o segundo dato máis alto de entre as comunidades autónomas, só por detrás de Canarias, supón un dez puntos menos que unha década atrás.
Son datos que este martes publica o Ministerio de Educación, FP e Deportes, que sinalan que a porcentaxe media de toda España sitúase no 40%, onde o descenso en dez anos é de só 1,6 puntos. En Bacharelato, Galicia era a quinta comunidade con máis alumnos con segunda lingua estranxeira, cun 15,7% --empatada coa Rioxa-- no curso 2023/24, cando hai unha década era máis do 20%. En toda España, esta porcentaxe é do 14,4%.
Mentres tanto, en Educación primaria, Galicia sitúase entre as únicas tres autonomías --xunto con Euskadi e Ceuta-- nas que non se oferta cursar segunda lingua estranxeira, igual que hai unha década. A media española é dun 13,7%. Con todo, a galega sitúase entre as sete comunidades autónomas onde todos os alumnos de segundo ciclo de Infantil, o 100%, teñen clase dunha lingua estranxeira, mentres que a media estatal está no 84,5%.
Así mesmo, o informe do Ministerio recolle que máis do 60% dos nenos de Primaria e en torno ao 25% da ESO en Galicia participaban en experiencias de diferente tipo que empregan idiomas estranxeiros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.