Galicia di que lle corresponden 230 millóns de fondos europeos para vivenda

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2021 | Actualizada ás 21:05

Comparte esta noticia

Galicia reclamou este mércores ao Goberno central "a máxima axilidade" na repartición dos fondos europeos do Plan de recuperación e resiliencia reservados a vivenda e actuacións urbanas, así como unha simplificación dos trámites administrativos necesarios para poder xestionar e acceder a estes programas.

A conselleira de Vivenda, Anxos Vázquez, participou esta tarde de forma telemática na Conferencia sectorial na que, por primeira vez, o Estado abordou cos representantes das comunidades os criterios nos que baseará a súa repartición, utilizando como base principal o número de fogares habitados.

Neste sentido e ante "a falta de concreción" por parte do Goberno, a conselleira indicou que Galicia calcula que lle correspondería un 5,8% dos fondos e, por tanto, algo máis de 230 millóns de euros, sen contar cos incentivos fiscais aos que poderán acceder os beneficiarios das axudas.

Ángeles Vázquez defendeu que estes recursos europeos son unha oportunidade para mellorar o parque residencial, rehabilitalo e rexenerar as contornas urbanas, polo que unha vez máis insistiu na necesidade de que os trámites sexan "áxiles e simples", para cumprir co obxectivo de que as axudas cheguen "canto antes aos seus destinatarios".

"Pedímoslle ao Goberno simplificación para poder chegar a cada recuncho, a cada comunidade de veciños, pero tamén a esas vivendas unifamiliares que temos tanto nas cidades como tamén en pequenas localidades", incidiu, á vez que apelou a ter en conta as peculiaridades de cada rexión, como a dispersión poboacional no caso de Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. XOÁN CRESPO
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. XOÁN CRESPO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta