Fungos nas verzas? Unha investigación revela que poderían axudar ao seu crecemento

Estes microorganismos poderían facelas máis resistentes contra os patóxenos ou o frío, segundo un estudo do CSIC.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2021 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Unha investigación do Consello Superior de Investigacións (CSIC), liderada polo grupo de brásicas da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), revelou que os fungos endófitos da verza teñen un efecto positivo no seu cultivo. O grupo de investigación de Brásicas da MBG, en colaboración co Instituto de Recursos Naturais e Agrobiología de Salamanca (IRNASA), publicou na revista 'Scientific Reports' os resultados deste estudo acerca dos fungos endófitos, microorganismos que viven dentro das plantas, neste caso a verza.

"Sábese que estes fungos, que serían algo similar ás nosas bacterias intestinais, habitan dentro dos cultivos e achéganlles nutrientes, axúdanlles a defenderse contra animais herbívoros ou patógenos ou contribúen a unha maior tolerancia fronte a condicións ambientais adversas", explica Pablo Velasco Pazos, científico titular do CSIC, quen engade que "polo momento, non se estudou demasiado sobre a diversidade destes fungos, e ata a data non había ningún estudo relacionado coa verza", destaca Velasco.

En primeiro lugar, o grupo de investigación illou das raíces de verza unha ampla variedade destes fungos. Posteriormente, a partir das raíces de cinco variedades locais deste cultivo, obtivo máis de 300 fungos illados que, tras estudos morfolóxicos e moleculares, agruparon en 30 especies distintas. "Observouse que dos 30, dous estaban presentes no cinco variedades e a maioría só nunha delas, o que revela a gran diversidade e variabilidade destes microorganismos", apunta Pablo Velasco.

En segundo lugar, dos 30 fungos, seleccionaron 10 para estudar o seu potencial uso na mellora do cultivo, o que implicou inoculalos novamente nas raíces da verza e comprobar os seus efectos na planta. "Identificamos un grupo dun cinco fungos que, tal e como se puxo de manifesto a través de ensaios en invernadoiro, incrementan o crecemento e desenvolvemento da verza, mesmo en condicións de frío", destacan os investigadores.

Así mesmo, sinalan que hai outro grupo de fungos que, fronte a plantas de verza infectadas cunha bacteria e con larvas da oruga da col, "aumentaban a súa capacidade para defenderse tanto do patóxeno como do insecto herbívoro". A xefa do grupo de investigación, Elena Cartea, asegura que con este estudo "ábrense resultados prometedores" nesta liña iniciada en 2016 por Pablo Velasco Pazos. "Os seguintes pasos serán profundar no coñecemento destes fungos e en determinar como son capaces de vivir nas raíces das brásicas e de mellorar o seu cultivo. Para iso, estamos a solicitar novos proxectos en convocatorias de concorrencia competitiva", apunta Cartea.

A investigación desenvolveuse no marco do proxecto 'Metabolitos secundarios en Brassicaceae: implicacións na mellora xenética e resistencia a estreses', financiado pola Axencia Estatal de Investigación.

Berza
Berza | Fonte: eldiariomontanes.es

Diferentes fungos endófitos en verza. CSIC
Diferentes fungos endófitos en verza. CSIC | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta